Sarabela Teatro presenta este venres, 18 de marzo, ás 21 h no Teatro Municipal, ‘A Lingua das Bolboretas’, unha montaxe pola que recibiron catro Premios María Casares 2021 ao Mellor Espectáculo, dirección (Gonçalo Guerreiro), actor secundario (Fran Lareu) e adaptación-tradución (Fernando Dacosta e Gonçalo Guerreiro).
Gonçalo Guerreiro é o responsable da dirección e dramaturxia desta montaxe teatral. Sobre o escenario estará un elenco de seis actores: Fernando Dacosta, Elena Seijo, Josito Porto, Fran Lareu, Sabela Gago e Fina Calleja.

Esta é a cuarta ocasión na que a veterana compañía galega leva a escena unha obra de Manuel Rivas. Con anterioridade representou ‘O Lapis do Carpinteiro’, ‘O Heroe’ e ‘Os libros arden mal’. Nesta ocasión mestura ‘A lingua das bolboretas’ con ‘A traxectoria do balón’.
O mestre don Gregorio e o neno Pardal protagonizan unha historia que nos achega á fascinación infantil ante o descoñecido e do sufrimento que provoca a represión das liberdades humanas. O proceso de aprendizaxe que emprende o rapaz da man do mestre da escola (unha figura que simboliza a liberdade que xera o coñecemento) é testemuña tamén da traxedia que supón vivir con medo, do cru impacto que xera o estalido dunha guerra civil.
As entradas están á venda en www.tui.gal aos prezos de 10 € e 8 €.