Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Eurocidade Tui-Valença celebra o oitavo aniversario cun pleno conxunto de ambas corporacións municipais

Hoxe ás 21 h a Câmara Municipal de Valença celebrou un pleno histórico con motivo do oitavo aniversario da constitución da Eurocidade entre os dous municipios, no que participaron a Corporación Municipal de Tui e a Assembleia Municipal de Valença.

Sobre a mesa, na Orde do Día, tres puntos: unha proposta de intercambio das bandeiras, proxecto Unicidade e, por último, desafíos da Eurocidade.

En concreto no punto primeiro a proposta que se someteu a debate foi que as bandeiras dos dous municipios sexan colocadas conxuntamente nos actos municipais que se celebren en cada concello.

No segundo punto abordouse o proxecto Unicidade, financiado polo Interreg V España–Portugal 2014-2020 (POCTEP), do que son beneficiarios os dous municipios. Entre os seus obxectivos está a creación dun balcón da Eurocidade; dinamizar unha axenda estratéxica da Eurocidade para o período 2019-2021, e elaborar un estudo do futuro da Eurocidade 2030. Con estas accións perséguese construír unha Eurocidade coma espazo singular de convivencia e exemplo de cooperación na Península Ibérica e en Europa.

Xa no punto terceiro abordarase o futuro da Eurocidade no horizonte temporal do ano 2030.

Era esta a primeira vez que as corporacións municipais de dous municipios de dous países da Unión Europea celebraban unha reunión conxunta para abordar o seu futuro. Dende Tui e Valença fixouse unha periodicidade anual para estas sesións, con carácter rotatorio de tal xeito que cada ano será acollida por un dos municipios, e se rexerá pola normativa aplicada no país onde ten lugar.