11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoUn incendio nunha vivenda provoca a morte dun animal en Tomiño

    Un incendio nunha vivenda provoca a morte dun animal en Tomiño

    Malia que ningunha persoa resultou afectada polo incendio, a acumulación de fume e o lume no interior da vivenda provocou a morte dun animal, ademais de afectar diversos rolos de herba seca e causar a rotura dalgúns mobles.

    O incidente tivo lugar ao fío das 03:45 horas desta madrugada cando unha persoa particular chamou ao 112 Galicia para solicitar medios de extinción para unha casa no lugar do Castro, no concello pontevedrés de Tomiño. Durante a súa comunicación coa central de emerxencias, informou que ardía a parte de abaixo do inmoble, onde tiña unha instalación emisora de calor.

    Decontado, os xestores do 112 puxeron a situación en coñecemento dos bombeiros do Porriño e dos membros do GES da Guarda.

    Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que o lume consumiu parte dunha cuadra de animais localizada na planta baixa da vivenda.

    Para aclarar as circunstancias do suceso, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración dos axentes da Garda Civil. Ademais, por precaución, tamén pasouse aviso aos efectivos de Protección Civil de Tomiño.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.