16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño segue apostando pola cultura con dúas boas propostas a vindeira fin...

    Tomiño segue apostando pola cultura con dúas boas propostas a vindeira fin de semana

    O Concello, a través da Concellería de Cultura, continúa coa súa programación de #primaveractiva tras unha exitosa acollida de Leira, espectáculo que introduciu a danza no municipio

    A vindeira fin de semana o auditorio de Goián volverá  ser un destino a ter en conta para gozar da e con a oferta cultural municipal.

    O sábado 12 de marzo, a través do programa da Deputación de Pontevedra “O pasado por vir”, chega ata Tomiño “A señora de Forcadela”, unha  escenificación teatral inspirada na historia de Josefa García Segret e noutras mulleres galegas represaliadas a partir de xullo de 1936. Josefa, nada en Tui e condenada á pena capital era mestra e socialista, coma o seu home, Hipólito Gallego que daba clases na parroquia de Forcadela (Tomiño). Líbrase da morte finxindo estar preñada para evitar a súa execución. Diagnosticou o seu embarazo o doutor Darío Álvarez Blázquez, xogándose a vida, non só pola deliberada falsidade senón por pertencer tamén a unha familia perseguida.

    “A SEÑORA DE FORCADELA” foi a autora do libro “Abajo las dictaduras”, que auto editou no ano 1982. Unha obra desta mestra que “tamén é unha formación para a mocidade que non coñece as guerras nin os seus horrores”. Nas súas páxinas ilustra a represión franquista.

    OS-QUINQUILLÁNS

    Compañía con máis de trinta anos de actividade teatral profesional adaptada a todo tipo de espazos e eventos. Ademais de continuar cos espectáculos de sala e de rúa, desde 2013 a compañía especialízase na creación de montaxes teatrais baseadas en feitos históricos para ser representadas en lugares emblemáticos e en celebracións de animación popular.

    • Data: Sábado 12 de marzo
    • Horario: 21h
    • Idade: A partir de 12 anos.
    • Lugar: Auditorio de Goián
    • Prezo: GRATIS
    • DURACIÓN: 30 minutos.
    • ELENCO: Tero Rodríguez e Lucho Penabade

    O domingo, Pepa a Loba

    Ao día seguinte, un espectáculo familiar para todos os públicos. Chega a Tomiño Pepa a Loba, unha figura mítica de Galicia, unha lendaria bandoleira galega de finais do século XIX,  que, segundo a lenda, acadou a súa fama asaltando camiños e roubando a caciques e cregos.

    Os contos que falan da existencia dunha bandida chamada Pepa a Loba, que dirixiría a súa propia gavela de ladróns, son moitos e están espallados por toda Galicia. Ademais dos contos, existe unha referencia escrita que parece probar a existencia real de Pepa a Loba e é unha mención que a escritora e penalista Concepción Arenal fai dela logo dunha visita ao cárcere da Coruña. O público asistente poderá desfrutar dun divertido e atractivo espectáculo coa actriz Cristina Collazo. “Procúrase Pepa a loba”  É un contacontos a cargo da compañía A Cova das Letras onde a danza e a música fúndense coa natureza, poñendo en valor a amizade e a perspectiva de xénero.

    Ano 1890. Inauguración da taberna de Pepa a Loba. A súa gavela ao completo: Xan Quinto “o vello”, Maninocente e Calamity Jane celebran este día tan esperado, pero… un codiciado tesouro escóndese moi preto e só ela sabe o segredo. Necesita da túa colaboración; será que te atreves?

    • Data: Domingo 13 de marzo
    • Horario: 17.30h
    • Idade: público infantil e familiar
    • Lugar: auditorio de Goián
    • Prezo: 3€ persoas adultas, menores de 12 anos 1,5€

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.