Sábado, 22 Marzo de 2025

Tomiño recolle a experiencia dos concellos pioneiros en compostaxe para a segunda fase do Plan Revitaliza

Nos cascos urbanos, estanse estudando as posibles localizacións de composteiros comunitarios, e para as vivendas con terreo, está prevista a entrega duns 3.000 composteiros individuais

O Concello de Tomiño ten previsto pór en marcha no 2020 a segunda fase do ‘Plan Revitaliza’, subvencionado na súa meirande parte, pola Deputación de Pontevedra, co fin de alcanzar o 100 % da compostaxe da materia orgánica xerada no municipio.

Con este propósito, a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, vén de realizar no último mes senllas visitas a concellos pioneiros no tema comp Mondariz, Mondariz Balneario, As Neves e Vilaboa, co obxectivo de estudar as distintas posibilidades na posta en marcha da mellora na xestión do lixo.

Dentro do marco desta actuación (Plan Revitaliza Liña 2), estase a traballar para posibilitar a compostaxe para toda a cidadanía de Tomiño. Nos cascos urbanos (O Seixo e Goián), estúdanse as posibles localizacións de novos composteiros comunitarios, e para as vivendas con terreo, prevese a entrega duns 3.000 composteiros individuais.

De igual forma, en relación á fracción verde, restos de poda dos xardíns particulares, estanse a valorar diversas opcións para atopar a solución máis eficiente posible. “O concello é consciente da dificultade da xestión deste residuo, dada a dispersión da poboación e a dimensión da acción prevista”, explica Ana Belén Casaleiro.

Os concellos visitados, que foron os primeiros da provincia en implementar o mesmo programa de compostaxe, expuxeron in situ as súas experiencias ao equipo de Medio Ambiente do Concello de Tomiño, acompañado por outros concelleiros e concelleiras interesados. “A valoración do departamento de Medio Ambiente do concello de Tomiño destas visitas é moi positiva, xa que descubriron distintos sistemas loxísticos para a xestión e tratamento da fracción verde”, apunta a concelleira tomiñesa.

[su_image_carousel source=”media: 10196,10195,10193,10192″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Informáronse tamén sobre un sistema descentralizado, que consiste na instalación de puntos verdes en cada parroquia con trituración dos restos de poda de forma periódica; e doutro centralizado, no que a veciñanza deixa os restos verdes nun único punto de depósito, onde se acumulan para a súa posterior trituración.

Por último, comprobaron o funcionamento do sistema de préstamo de trituradoras á veciñanza, para dar a opción de triturar en cada vivenda as súas podas e reducir ao mínimo o desprazamento dos residuos.

“Unha vez coñecidas as vantaxes e desvantaxes dos distintos sistemas experimentados por estes consellos visitados, o Concello de Tomiño deberá estudar cal será a mellor solución para o territorio, dada as súas características”, comenta a Casaleiro.

Reunión con toda a Corporación

O Concello de Tomiño, a través da Concellería de Medio Ambiente, convocou unha reunión con toda a Corporación para que os técnicos do Plan Revitaliza, da Deputación de Pontevedra, explicasen aos concelleiros e concelleiras o alcance do desenvolvemento do programa. Á reunión, que tivo lugar o pasado martes, asistiron a alcaldesa, a concelleira de Medio Ambiente e o equipo de técnicos do departamento.