14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño ofrece actividades deportivas de verán para facer en familia

    Tomiño ofrece actividades deportivas de verán para facer en familia

    As inscricións realizaranse a través dun formulario que estará dispoñible na web municipal

    A Concellería de Deportes do Concello de Tomiño organiza unha serie de actividades de verán dirixida á infancia e ás persoas adultas, que poderán desfrutarse en familia ou individualmente.

    A oferta inclúe dende deportes máis clásicos, coma o atletismo, o tenis ou o piragüismo, até propostas máis novidosas coma o ioga en familia, o pádel ou rutas en kaiak polo Miño (xuntamos programación con todos os datos).

    As inscricións realizaranse a través dun formulario que estará dispoñible na páxina web; (www.tomino.gal) dende esta semana. As persoas menores de idade precisarán autorización materna, paterna ou do titor/a legal. Para máis información pódese chamar aos números de teléfono do Concello (986 622 001/02/03) ou mandar un correo electrónico a cultura@tomino.gal.

    En todos os cursos ofertados requírese un mínimo de 15 persoas para que se leven a cabo.

    CURSO DE IOGA EN FAMILIA

    Nesta actividade o tempo transcorre entre movemento, xogo, imitación, risa, entendemento, baile, canto e calma.

    O entorno escollido para levar a cabo este obradoiro é o interior da Fortaleza de Goián nos meses de xullo e agosto.

    Dirixido a nenos e nenas sempre en compañía dunha persoa adulta. Inicio: xoves 1 de xullo ata o martes 31 de agosto. HORARIO: martes e xoves de 12h a 13.30h. Prezo: 25€/mes por persoa adulta. Menores de idade, gratis.

    CURSO DE PROMOCIÓN AO PIRAGÜISMO

    Impartido polo Club Deportivo Miño. O obxectivo é introducir as nenas e nenos nesta práctica deportiva e tamén dar a coñecer o río. Está destinado a persoas de entre 8 e 14 anos.

    HORARIO:

    GRUPO A: luns e mércores de 17 h a 18.30 h o 28, 30 de xuño e 5 e 7 de xullo. e GRUPO B: luns e mércores 17 h a 18.30 h o 19, 21, 26 e 28 de xullo.

    Prezo: 20€. É obrigatorio saber nadar.

    ACTIVIDADE DE KAIAK EN FAMILIA

    Impartido polo Club Deportivo Miño. Actividade dirixida a familias e grupos de amigos/as (se a situación sanitaria o permite). Unha ruta dunha hora ou hora e media de duración polo Miño, dependendo do estado do río e das persoas que participen.

    Horario: días 11 de xullo e 8 de agosto ás 11.00h. Lugar: antigo embarcadoiro de Goián. Prezo: 20€ os maiores de idade; menores de 12 anos gratis. É obrigatorio saber nadar.

    CAMPUS DE ATLETISMO

    Impartido pola Sociedade Atlética Trega. O obxectivo é iniciar ao atletismo a nenos e nenas mediante o traballo das habilidades motrices de cada especialidade (carreiras, saltos e lanzamentos). O alumnado coñecerá esta disciplina a través do xogo e mediante a promoción da actividade física como hábito saudable, á vez que se fomentarán actitudes de respecto, compañeirismo e convivencia entre as persoas.

    Temporalización: primeira semana de agosto, 3 horas diarias, grupos reducidos. Prezo: 10€.

    ESCOLAS DE VERÁN DE TENIS INFANTIL E PERSOAS ADULTAS

    Infantil: Impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir ás nenas e nenos, de entre 6 e 17 anos, neste deporte. Formaranse grupos segundo as idades.

    Duración: meses de xullo e agosto. Temporalización: luns, mércores e venres. Prezo: 15 €/mes por alumno/a.

    Persoas adultas(a partir de 18 anos): impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir ás persoas adultas neste deporte.

    Duración: meses de xullo e agosto. Prezo: 35 €/mes por alumno/a.

    CAMPUS DE VERÁN DE PÁDEL INFANTIL E PERSOAS ADULTAS

    Infantil: impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir no deporte ás persoas interesadas. Ensinanza dos aspectos técnico-tácticos do deporte, introducindo ao alumnado no xogo, dun xeito divertido, mediante exercicios de curta duración e moita variedade.

    Duración: xullo e agosto. Horario: martes e xoves de 10.30h a 11.30h e de 11.30h a 12.30h. Prezo: 12 € mes/alumno. Requisitos de inscrición: ter entre 6 e 17 anos.

    Persoas adultas: a partir de 18 anos: impartido por un profesional da materia en pistas municipais co obxectivo de introducir as persoas interesadas neste deporte, que axuda a fortalecer e tonificar a musculatura, o desenvolvemento psicomotriz e a coordinación. Estimula a capacidade aeróbica, a axilidade, os reflexos e a velocidade.

    Duración: meses de xullo e agosto. Horario: martes e xoves de 12.30h a 13.30h.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.