8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño inaugura os composteiros comunitarios da segunda fase do Plan Revitaliza

    Tomiño inaugura os composteiros comunitarios da segunda fase do Plan Revitaliza

    Logo dunha primeira fase voluntaria, o concello estenderá o modelo da compostaxe a todo o municipio

    Tomiño inicia unha nova fase no seu modelo de xestión dos biorresiduos. Logo dun primeiro período no que se introduciu o modelo de compostaxe entre a veciñanza bonificando a aqueles que se ofreceran a adoptalo de xeito voluntario, o concello atópase preparado para adherirse á segunda fase do Plan Revitaliza, que consistirá en expandir o sistema a todo o municipio.

    Este xoves inauguráronse os dous primeiros composteiros comunitarios, encadrados nesta segunda fase do plan, situados na rúa A Guarda e no CEP Pedro Caselles. Vanse habilitar nos vindeiros días un total de 14, que darán servizo a todos os veciños das áreas urbanas, 11 no núcleo urbano do Seixo e 3 no de Goián. 

    Na inauguración realizada no CEP Pedro Caselles, alén dos mestres composteiros e da concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro, estivo presente a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, a cal destacou a importancia da adopción deste novo sistema por parte do centro educativo, cuxo comedor alimenta cada día a máis de 120 alumnos. “É de agradecer profundamente a boa acollida e colaboración que desde o CEP Pedro Caselles nos brindaron en relación a este proxecto, tanto o persoal de cociña como a dirección do centro, onde vemos un compromiso firme na aposta por un novo modelo máis respectuoso co medio ambiente”, declarou.

    Campaña porta a porta

    Durante as próximas semanas, ademais de realizar o sistema de reparto porta a porta dos composteiros individuais e o material accesorio polas parroquias, os mestres composteiros estarán visitando tamén as vivendas das áreas urbanas para entregar o caldeiro de compostaxe e instruír aos veciños e veciñas no procedemento a seguir. Este caldeiro servirá para que separen na súa vivenda os residuos orgánicos que logo terán que depositar no composteiro comunitario.

    Aquelas persoas que non estean na vivenda no momento da visita dos mestres composteiros recibirán un aviso de que a visita foi realizada cos seus teléfonos de contacto, co fin de poder acordar unha nova data de entrega.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.