Mércores, 13 Novembro de 2024

Tomiño comeza coas visitas aos seus composteiros individuais

No Concello realizaráse un seguemento real da compostaxe co obxectivo de axudar e asesorar aos veciños a compostar correctamente

Tomiño continúa dando pasos para fomentar a economía circular e reducir os biorresiduos mediante a compostaxe e así evitar que este tipo de residuo acabe no contedor verde, e que se lle poida dar unha nova utilidade. Esta semana comezarase a visitar os fogares que adquiriron un composteiro individual, no marco do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra.

Ata agora cerca de 2.000 vivendas xa recibiron o seu composteiro, as restantes que aínda non o posúen, poderán recibilo a través de futuras reunións informativas sobre a compostaxe.

Como parte do programa de compostaxe, tal e como se mencionaba no compromiso de cesión asinado no seu día, incluíronse unha serie de visitas a cada composteiro individual para poder dar resposta ás diferentes dúbidas que puideran xurdir e tamén constatar que os composteiros individuais se están a utilizar de xeito correcto.

Estas visitas serán realizadas pola empresa S.M. Sistemas Medioambientales S.L., que ten adscrito un contrato coa Deputación de Pontevedra para realizar este servizo. As visitas iniciaranse nos próximos días, sen custe algún para a veciñanza, e nelas non se realizará actividade comercial algunha. O persoal da empresa irá debidamente identificado, e poñerase en contacto antes de facer a visita.

“En Tomiño estamos firmemente convencidos de que a compostaxe é a mellor vía para reducir a nosa pegada ecolóxica e tamén para aumentar a rendibilidade dos nosos fogares”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro. A edil indica que o Concello vai enviar cartas a cada un dos fogares que recibirán a visita e que a empresa encargada chamará ás persoas participantes para concretar a visita.

A parte das visitas ós composteiros instalados, como xa foi mencionado con anterioridade, para os próximos meses estase a planificar a entrega de 1.000 composteiros máis entre a veciñanza a través de charlas informativas, onde se dará a información necesaria para o uso correcto do composteiro. A concelleira lembralle ás persoas que xa solicitaron os seus que proximamente recibirán un aviso para asistir a unha reunión onde terá lugar a súa entrega.

A estratexia de compostaxe local impulsada polo concello de Tomiño, dentro do programa Revitaliza da Deputación de Pontevedra, é unha mostra máis  do seu compromiso de cara a cumplir a normativa marcada pola Unión Europea no tocante a prevención e reciclado dos biorresiduos de ámbito municipal.