18.5 C
Pontevedra
Venres, 19 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO Concello de Tomiño agradece a xenerosidade da veciñanza pola alta participación...

    O Concello de Tomiño agradece a xenerosidade da veciñanza pola alta participación no cribado

    Conseguíronse 2.500 voluntarios para a proba tan só dous días despois de abrirse o formulario de inscrición

    Como medida para afrontar a alta incidencia que o municipio viña presentando durante as últimas semanas nunha tendencia ascendente, o Concello de Tomiño propuxo ao Servizo Galego de Saúde a realización dun cribado masivo voluntario a través de probas PCR. O pasado 30 de decembro habilitou un formulario na páxina web municipal para que se inscribisen aqueles que estivesen interesados en colaborar e tan só dous días despois de publicalo completáronse as 2.500 prazas dispoñibles.

    Nun primeiro momento intentouse que este cribado se fixese no propio municipio, pero debido á falta de persoal e a unha complexidade loxística que retrasaría bastante o inicio do mesmo, optouse por facelo no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo. Tomando como referencia cribados realizados noutros municipios, onde a asistencia non foi voluntaria senón que os propios centros de saúde se encargaban de citar aos cidadáns, o Sergas agardaba unha participación moi baixa, polo que a cifra de 2.500 inscritos foi toda unha sorpresa.

    “Desde o Concello de Tomiño queremos agradecer enormemente a mostra de xenerosidade e civismo amosada polos veciños e veciñas, que mostraron ser un exemplo na empatía cos demais axudando a frear un problema que durante as últimas semanas está afectando tanto ao noso municipio. Foi moi emotivo ver como todo o mundo se afanou nesta cuestión”, comenta a rexedora Sandra González.

    Durante a última semana xa realizaron a proba a maior parte dos inscritos, polo que é previsible que o cribado finalice nos próximos días. Espérase que esta medida sirva para identificar a positivos asintomáticos dos que non se tiña constancia, axudando así a reducir a propagación do virus.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.