12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoEspecialistas traballan xa na recuperación da ponte tardomedieval de Taborda, Tomiño

    Especialistas traballan xa na recuperación da ponte tardomedieval de Taborda, Tomiño

    O Concello retomou este verán os traballos de reparación tras obter a autorización de Confederación Hidrográfica do Miño-Sil para realizar a obra entre xuño e outubro, cando o caudal do río é menor

    O Concello de Tomiño continúa coas obras para a reparación, recuperación e conservación da ponte tardomedieval de Taborda, coñecita tamén coma ‘ponte de Hospital’. Trátase dunha ponte do século XVI, de finais da Idade Media, en cantería irregular, dun só vano e cunha lonxitude de 7 metros sobre o río Cereixo que daba paso a un antigo hospital existente na zona.

    A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, destaca “a importancia de reparar e conservar os elementos históricos monumentais do municipio. Dende o Concello seguimos apostando pola recuperación do noso patrimonio e dos nosos bens de especial protección, como esta ponte, uns labores nos que contamos sempre co apoio e traballo de profesionais especializados”.

    Tras unha primeira fase na que se cortaron tres árbores que medraban dende a base da ponte e afectaba á estrutura, o Concello está xa levando a cabo os traballos propios de recuperación da ponte da man de especialistas en patrimonio. As obras comezáronse a desenvolver este verán tras obter os permisos pertinentes do Servizo de Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura e Turismo e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, que autorizou levar a cabo as actuacións só entre os meses de xuño e outubro, cando o caudal do río é menor.

    Nesta fase estase a levar a cabo a limpeza do lousado da calzada da ponte cunha rozadoira equipada con fío e de forma manual, empregando ferramentas non agresivas como espátulas, cepillos e vasoiras, eliminando plantas superiores e depósitos de terra sobre as laxas. De xeito manual tamén se realiza a limpeza das zonas verticais e do intradorso do arco.

    Unha vez rematados estes traballos e xa co cimbrado da ponte, procederase á súa reparación, que consiste na retirada de xeito manual dos tocos encaixados nas bases do arco para logo proceder ao recheo dos ocos abertos con cantería das mesmas características que o resto da pedra da ponte. As obras contemplan ademais a recolocación das lousas superiores tal e como estaban na súa posición orixinal.

    O Concello puxo en marcha un proxecto para a reparación e conservación desta ponte despois de que unha inspección dos técnicos municipais de Urbanismo detectara un importante deterioro debido aos fortes temporais sucedidos durante o inverno, que fixeron aumentar o nivel da auga de xeito acelerado e, principalmente, á existencia de tres árbores de porte medio-grande que tiñan ás súas raíces encaixadas entre as pedras de apoio do arco. Os fortes e intensos ventos fixeron que as árbores traballasen de forma negativa, producindo desprazamentos das pedras e afectando á súa estrutura. Ademais, os altos niveis de humidade de troncos e raíces, que aumentaban de volume ao empaparse, favoreceu o desprazamento da cantería.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.