Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Deputación aproba unha nova achega do Plan Concellos para Tomiño

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra revalidou o compromiso da institución cos concellos da provincia mediante a aprobación de novas achegas por máis de medio millón de euros ao abeiro das liñas 1 e 2 do Plan Concellos. As subvencións chegarán a Cangas, Cambados e Tomiño e servirán para mellorar infraestruturas municipais como viarios e escolas así como para axudar a sectores afectados pola pandemia.

Máis polo miúdo, o órgano provincial deu luz verde a 222.300 euros da liña 1, de investimentos, cos que Tomiño pavimentará e mellorará varios municipais, unha actuación que ten un orzamento de 350.000 euros que se completa con investimentos do concello. Realizaranse traballos en 31 tramos de camiños pertencentes a 9 parroquias que se atopan nun estado moi deteriorado.

Na mesma liña do Plan Concellos foi aprobada para Ponteareas unha achega de preto de 34.000 euros que servirán para mellorar a eficiencia de varios edificios municipais. As actuacións teñen un orzamento total de 144.200 euros e realizaranse na Casa Cultural de Guillade e nas escolas unitarias de Areas, Ribadetea, Xinzo-Parada, Moreira e Pías.

Pola súa banda, a Cangas concedéuselle unha subvención de 227.300 euros ao abeiro da liña 2, de gastos correntes, cos que o concello axudará aos sectores máis afectados pola pandemia como o ocio nocturno e infantil, a hostalaría, as axencias de viaxes, os ximnasios, a formación e ensinanza non reguladas ou os servizos fotográficos.