8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaA Xunta colaborará co Concello de Oia para minimizar o risco de...

    A Xunta colaborará co Concello de Oia para minimizar o risco de inundación no río Viladesuso

    Trátase de incrementar a capacidade hidráulica da zona da ponte da Serra Seca e da protección do leito do río fronte á erosión, sobre todo nos tramos curvos

    A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Oia para minimizar o risco de inundación no río Viladesuso, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Oia, cun investimento autonómico de 375.000 euros.

    O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura do convenio de colaboración entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Oia para executar a 2ª fase das obras de mellora do comportamento hidráulico do río, que está cualificado como área de risco potencial significativo de asolagamento no Plan de xestión de riscos de inundacións da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, na zona da ponte da Serra Seca.

    Trátase de incrementar a sección hidráulica da zona da ponte da Serra Seca e da protección do leito do río fronte á erosión, sobre todo nos tramos curvos.

    No cumprimento do obxecto do convenio autorizado hoxe polo Goberno galego, a administración hidráulica da Xunta asume integramente o financiamento das actuacións destinadas a reducir os efectos negativos dos asolagamentos nesta área. As obras estarán cofinanciadas no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

    Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

    Pola súa banda, mediante este acordo, o Concello de Oia asume a posta á disposición e xestión dos terreos necesarios, tal e como establecen os convenios de colaboración destas características en todas as confederacións hidrográficas e de acordo coa instrución do propio Ministerio para a Transición Ecolóxica. Tamén asume a obriga de conseguir as autorizacións necesarias para a execución dos traballos, de recibir as obras, así como o seu mantemento e conservación, empregando as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

    Intervencións proxectadas

    As intervencións obxecto do convenio autorizado hoxe polo Executivo autonómico reforzan os traballos executados por Augas de Galicia de mellora da capacidade hidráulica do río Viladesuso, na zona do Sobral, e incídese nas actuacións realizadas para paliar os efectos dos incendios acaecidos na bacía do río Viladesuso no 2006.

    O orzamento da primeira fase roldou os 152.000 € e, sumado ao desta segunda fase, suporá un investimento autonómico global de máis de 525.000 €.

    Augas de Galicia proxecta seis novas actuacións para aumentar a capacidade hidráulica ao longo do río Viladesuso.

    Entre os traballos que se executarán inclúense a protección do leito na marxe esquerda do río, mediante a construción dun noiro de protección de dique; así como o aumento da sección hidráulica da ponte mediante a construción dun marco prefabricado de formigón de 4 metros e unha pendente constante do 5 % como o leito do río. Augas arriba das estruturas, entre o estribo da ponte e o novo marco, construirase unha pequena cuña triangular de formigón para facilitar o comportamento  hidrodinámico do fluxo de auga en época de avenidas e reforzarase a cimentación dos  estribos da ponte mediante dique.

    Tamén se recuará o leito na marxe esquerda do río e construirase un novo muro, coa finalidade de dar continuidade hidráulica ao caixón construído na ponte. Derrubarase o actual muro existente na marxe dereita do río e executarase un novo recuamento, con noiro no leito do río, reforzándose a marxe dereita do río.

    Para a realización das obras está previsto reutilizar o material depositado no leito: as rochas de maior tamaño serán seleccionadas e reutilizadas para a construción do manto principal de dique, e o resto de material do río, previamente clasificado, poderá ser reutilizado como manto secundario.

    O Goberno galego mantén a aposta pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte aos efectos do cambio climático e ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.