14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaA Xunta acomete a mellora viaria de Laxes de Arriba, no concello...

    A Xunta acomete a mellora viaria de Laxes de Arriba, no concello de Oia

    A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, vén de acometer a mellora viaria do lugar de Laxes de Arriba, no Concello de Oia, ao abeiro do Plan de Infraestruturas Rurais (PIR) cun investimento de case 40.000 euros.

    Por este motivo, o delegado territorial, Luis López, e a alcaldesa de Oia, Cristina Correa, achegáronse ata a zona para supervisar esta actuación, que foi concedida o pasado mes de febreiro e que permitiu renovar de xeito integral a capa de rodadura de trama viaria interna desta aldea da parroquia de Santa María de Oia.

    Esta obra enmárcase nos 17 proxectos financiados no marco deste programa da Consellería do Medio Rural e que foron realizados na provincia de Pontevedra ao longo deste exercicio cunha partida global de 668.182 euros.

    “O Concello de Oia ten unha importante dispersión e unha configuración principal de residencias unifamiliares que fan necesario que as vías estean en boas condicións para favorecer a mobilidade da veciñanza e por elo conta e seguirá contando coa colaboración da Xunta”, explicou o representante autonómico, que destacou a solución técnica aportada polo Concello “para acometer axeitadamente esta obra, con formigón desactivado, co obxectivo de realizar unha actuación respectuosa coa contorna”.

    Ademais, Luis López lembrou que a Consellería do Medio Rural vén de investir máis de 215.000 euros en melloras de camiños no Concello de Oia nos tres últimos anos co Plan Marco para a mellora de camiños municipais de acceso a parcelas agrícolas e co Plan de Infraestruturas Rurais, que permitiron actuar en lugares como Piniño, A Granxa, Gandarelas, As Amadas e esta derradeira en Laxes de Arriba.

    Finalmente, o delegado territorial anunciou que esta contía para pistas municipais do medio rural vaise incrementar outra vez este mesmo ano, xa que veñen de concederse 40.109,88 euros máis ao abeiro do Plan Marco a falla de que se resolvan outras convocatorias e ordes de axudas similares.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.