23.9 C
Pontevedra
Luns, 14 de Outubro de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoOiaA Cruz de Lampedusa visita Oia na súa peregrinación pola Diocese Tui-Vigo

    A Cruz de Lampedusa visita Oia na súa peregrinación pola Diocese Tui-Vigo

    Esta cruz símbolo das persoas migrantes poderá contemplarse mañá na igrexa parroquial de Santa María de Oia

    A Cruz de Lampedusa, así chamada por estar construída con restos de embarcacións de migrantes naufragados nesa illa do Mediterráneo, visitará Oia hoxe martes dentro da peregrinación pola Diocese de Tui-Vigo que está a desenvolver durante os meses de marzo e abril.

    O paso polo municipio de Oia enmárcase na iniciativa “Viaxe da Cruz de Lampedusa”, que busca transmitir unha mensaxe de solidariedade e paz entre as cidades, comunidades, parroquias e culturas.

    A cruz chegará hoxe martes. Ás 12.00 daráselle acollida cunha oración na igrexa parroquial de Santa María de Oia e o templo quedará aberto permanentemente desde esa hora para a xente que queira achegarse a orar ante ela ou contemplala.

    Posteriormente, ás 17.00 horas haberá unha oración ante a cruz e a continuación celebrarase a misa das 18.00 horas, na que se pedirá especialmente por todos os emigrantes, persoas enfermas e por todos aqueles que están a pasar por algún momento de cruz na súa vida.

    Historia da Cruz de Lampedusa

    O 18 de xullo de 2013 o Papa Francisco realizou a súa primeira viaxe apostólica, para a que escolleu a illa italiana de Lampedusa. Nesa ocasión, o Pontífice celebrou a Santa Misa nun altar construído sobre un caiuco naufragado, tendo ante os seus ollos un Mar Mediterráneo que ía camiño de se converter nun cemiterio de migrantes.

    O 3 de outubro dese mesmo ano produciuse un novo naufraxio fronte ás costas desa illa, un tráxico suceso no que faleceron máis de 360 persoas. Ante estes feitos o Papa clamou de novo ante o mundo: “Vergoña! Só me ven a palabra vergoña, é unha vergoña”, lamentaba naquel momento.

    Neste contexto de traxedia humanitaria, o artista Franco Tuccio construíu a que agora coñecemos como a Cruz de Lampedusa: unha estrutura de 2,6 metros de longo e 1,5 metros de ancho feita cos restos de barcas naufragadas na illa italiana.

    A cruz foi levada a Roma o 9 de abril de 2014 para ser bendita polo Papa, quen suxeriu que se convertese nunha cruz peregrina que levase unha mensaxe de solidariedade a todo o mundo. Desde entón, ten viaxado a numerosos puntos coa súa mensaxe de paz e solidariedade.

    Esta “Viaxe da Cruz de Lampedusa” está promovida pola fundación “Casa do Espírito e das Artes” a cal, desde hai anos, traballa en Milán nos eidos da cultura, a música e as artes como instrumentos de servizo aos estratos máis febles da poboación, en particular dos nenos e nenas e da mocidade que vive en situacións de grave dificultade social.

    A “Croce di Lampedusa” –segundo o seu nome en italiano- está confiada a un relevo espontáneo que xa a ten acompañado en máis de 2.400 lugares de culto en Europa e en todo o mundo, incluídas igrexas e santuarios.

    Debido á crise do coronavirus a súa peregrinación atopábase interrompida para evitar reunións con moita xente, permanecendo na parroquia dos Padres Trinitarios de Alxeciras, os cales xestionan un centro de acollida para persoas excluídas, a maioría migrantes. Actualmente atópase de viaxe pola Diocese de Tui-Vigo, peregrinación que inclúe a parada prevista en Oia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.