O entroido chega este venres ao Rosal dun xeito diferente. O Concello organiza unha exposición de fotografías coa que se rememora décadas de celebración do carnaval nos diferentes barrios rosaleiros, unha festa con grande arraigo, transcendencia e seguimento social no municipio.
Rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar dende este venres 12 ata o vindeiro 17 de febreiro desta mostra que estará situada ao aire libre na Praza do Calvario. A través de máis de 100 fotografías dispostas en distintos paneis, o público poderá percorrer a historia do entroido en Novás, Fornelos, San Xián e O Rosal dende os anos 60 ata a actualidade.
Dende o Concello quere agradecerse a colaboración de todas aquelas persoas e entidades que facilitaron a documentación gráfica que permitiu realizar esta exposición, que tamén permite visibilizar o gran traballo que realiza a veciñanza implicada para que a tradición do entroido perdure no Rosal.