Dende o inicio do estado de alarma hai xa 45 días, un equipo coordinado de voluntarios e voluntarias de Protección Civil está traballando man a man co Concello do Rosal para poder atender todas as necesidades que van xurdindo con motivo da crise sanitaria e das medidas e protocolos de prevención do COVID-19, tanto para axudar no día a día á veciñanza para facerlle máis levadío a corentena como para dar resposta as emerxencias sociais, que aumentaron de xeito significativo co confinamento. Todas as actuacións que levan a cabo están sendo coordinadas dende Servizos Sociais, que dende o inicio da emerxencia sanitaria está a traballar ao máximo rendemento para dar resposta rápida a unha das áreas de maior importancia nestes intres tan complicados.
Deste xeito, dende hai mes e medio os oito voluntarios e voluntarias que actualmente conforman o servizo de Protección Civil percorren cada dous días os barrios informando aos veciños e veciñas das medidas a tomar durante este estado de alarma e pedíndolles que sexan responsables, pero tamén atendendo ás necesidades que lles poidan xurdir a rosaleiros e rosaleiras durante estes días.
Estes voluntarios e voluntarias colaboran tamén co Concello para cubrir as necesidades básicas de persoas maiores que viven ou están soas e encárganse do reparto de alimentos no Rosal que organiza a asociación SOS Tomiño cada 15 días, unha tarefa que antes do estado de alarma facía persoal voluntario da ONG. Ademais, colaboran no reparto semanal dos cadernos de estimulación para reforzar a memoria que a Asociación Párkinson Baixo Miño elabora para persoas que padezan esta doenza ou con diferentes centros escolares para poder levar material educativo aos rapaces e rapazas.
Trátase dun equipo que actualmente conta con 8 persoas en activo que actúan de forma totalmente altruísta e con todas as medidas de seguridade necesarias para poder atender todas as necesidades xurdidas estes días sen ningún tipo de risco nin para eles mesmos nin para a poboación. Todas as persoas interesadas en facerse voluntarias poden poñerse en contacto con Protección Civil a través do correo [email protected].
O Goberno municipal agradeceu “o labor que están a desenvolver os voluntarios e voluntarias de Protección Civil dende o inicio do estado de alarma”, así como a todas aquelas asociacións e organizacións “que traballan arreo e se ofrecen a colaborar co Concello para dar resposta a todas as necesidades que están xurdindo nos últimos tempos”.