Mércores, 11 Decembro de 2024

O proxecto ‘Memoria viva’ do Rosal visita os barrios dos seus dous protagonistas

O xoves 8 proxectarase o documental de Marcola en Novás e o sábado 10 o de Nemesio en Martín. Os libros poderán recollerse no Concello a partir da vindeira semana

O proxecto ‘Memoria Viva’ chega aos barrios dos seus dous primeiros protagonistas. Tras o éxito acadado no acto de presentación, o Concello do Rosal quere levar esta iniciativa aos barrios onde naceron e viven Marcola González e Nemesio Castro, nos que se celebrará unha proxección dos seus vídeos documentais. “Non só é un xeito de continuar achegando a cultura aos barrios, senón tamén de darlles a Marcola e Nemesio o protagonismo que merecen, sendo profetas na súa propia terra”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A primeira proxección terá lugar o vindeiro xoves 8 de xullo na Praza de Novás, barrio de onde é orixinaria Marcola. Pola súa banda, o sábado 10 a cita para ver o documental de Nemesio será en Martín, nun sitio aínda por determinar. Ademais, todas as persoas interesadas en conseguir os libros do proxecto, editados nun pequeno e moderno formato coleccionable, sobre estas dúas persoas tan icónicas do Rosal poderán facelo a partir da vindeira semana nas dependencias do Concello.

‘Memoria viva’ é un proxecto plurianual que busca poñer en marcha un sistema de salvagarda do patrimonio inmaterial do Rosal, así como do coñecemento e da memoria que atesouran as persoas maiores do municipio. “Queremos conservar unha parte importante da nosa memoria individual e colectiva, as historias que non están nos libros pero que son tan importantes para nós como rosaleiros e rosaleiras”, sinala a rexedora.