O equipo de goberno do Rosal, encabezado pola alcaldesa, Ánxela Fernández, visitou o Concello de Carballo para intercambiar experiencias sobre distintas iniciativas. Foron recibidos polo alcalde, Evencio Ferrero, e o seu equipo, e nunha xuntanza de case tres horas falaron sobre os contratos reservados para centros especiais de emprego, centros especializos que camiñan na inclusión das persoas con diversidade funcional nos que o municipio carballés ten ampla experiencia; sobre os proxectos de arte urbana, Carballo conta con máis 90 murais no seu núcleo; sobre iniciativas culturais pioneiras, e, finalmente, sobre os procesos de transformación do espazo público para recuperar as rúas para as persoas, asunto co que tanto Carballo como O Rosal están ben comprometidos.
A alcaldesa do Rosal explica que “agradecemos moito o recibimento” e afirma que este tipo de xuntanzas “axúdannos a mellorar a ambos”. “Volvemos ao Rosal con novas perspectivas para aplicar aos proxectos que queremos para facer do noso concello un lugar máis inclusivo e sostible para os veciños e veciñas”, conclúe.