O Rosal constituíu este xoves pasado o seu Consello Municipal de Cultura, un órgano consultivo que funcionará como viveiro de ideas e foro de debate para continuar apostando por unha vida cultural activa e segura na localidade, na que os barrios seguirán a ter un gran protagonismo. “Tras case un ano de crise sanitaria no que a cultura viuse moi afectada, este consello servirá para traballar da man cara unha axenda cultural innovadora, reinventada e pensada para os rosaleiros e rosaleiras”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen en nome do Concello quere agradecer o esforzo que están a realizar as asociacións no ámbito cultural para continuar co seu traballo e ofrecer á veciñanza unha actividade social moderada, controlada e, sobre todo, segura.
Xunto aos concelleiros de Cultura e Participación Veciñal, Carlos Villanueva e Ramón Fernández Leal, o Consello está integrado por representantes da Agrupación Musical do Rosal, do Colectivo Carballas, de A Liga de Amigos do Rosal, da asociación A fundación, de A Jalleira, de Trebón dos Xidos, da comisión de San Gregorio, do coro Ecos do Folón, do grupo de pandeireteiras Tremelique, da asociación Festa da vendima e do Grupo Filatélico e Numismático Val do Rosal. Tamén forman parte del Pepe “Buraco”; Juan Ramón Martínez, de Noticias O Rosal; e de Xulio Ramos, párroco do Rosal.
Neste primeiro encontro por videoconferencia abordouse a propia constitución do Consello e fíxose a primeira toma de contacto deste órgano que tamén servirá e viveiro de propostas e de fonte de visión crítica. Na reunión explicáronse as liñas xerais da programación cultural do Concello e a capacidade municipal para aproveitar unha crise como a producida pola pandemia para afondar no traballo de descentralización da actividade cultural e potenciar a axenda nos barrios. Un camiño de reconversión da programación emprendido “con moitas dúbidas pero con moito éxito”, xa que contou co amplo respaldo da veciñanza.
Dende o Concello plantexaron as actividades culturais que se tratarán de potenciar neste 2021 e destacaron o papel das asociacións, que “levan anos sendo o principal motor da vida cultural no municipio”. Entre as ideas recollidas neste primeiro encontro destacan a de facer unha festa do asociacionismo no que as entidades poidan darse a coñecer e explicar os seus proxectos ou realizar iniciativas para levar unha parroquia á outra. Pola súa banda, a Agrupación Musical do Rosal manifestou a súa intención de poñer en marcha este ano a segunda edición de O Rosal Cámara Fest, unha iniciativa que xurdiu para dar achegar a música aos rosaleiros e rosaleiros nun formato distinto adaptado á situación sanitaria e que tivo unha gran acollida por parte do público.
O Consello Municipal de Cultura súmase así ao de Igualdade e ao de Desenvolvemento Local, que buscan crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.