Mércores, 11 Decembro de 2024

Consello Municipal de Deportes do Rosal, un foro de debate do que nacerán propostas e ideas de futuro

O Concello do Rosal continúa apostando pola colaboración activa e estreita coa sociedade para seguir avanzando nos distintos ámbitos municipais. Con este obxectivo, hai uns días constituíase o Consello Municipal de Deportes, un órgano consultivo integrado por representantes de todos o tecido deportivo do Rosal que funcionará como foro de debate e reflexión, como viveiro de propostas e como fonte de visión crítica para abordar calquera cuestión relacionada con este eido na localidade.

“Temos a sorte de contar co bo facer de deportistas e clubs, que están a facer un grande esforzo por continuar coa súa actividade a pesar das dificultades coas que nos atopamos nestes intres”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, quen salientou na reunión inicial a capacidade de clubs e deportistas para “adaptarse e readaptarse á situación cambiante para poder seguir desfrutando do deporte seguro”.

Xunto ao concelleiro de Deportes e ao de Participación Veciñal, Germán Fernández e Ramón Fernández Leal, o Consello está integrado por representantes do Acanor Novás Valinox de balonmán, da UD Ribera de fútbol, do Club Atletismo Trega, do Club Ciclista O Rosal, e dos clubs de petanca, fútbol gaélico, futgolf ou judo. Tamén conta coa participación de deportistas relacionados co décatlon ou o trial, como o olímpico David Gómez e o piloto Gabriel Marcelli, coa futbolista Sara Álvarez, o activista deportivo Ignacio Rivas, o ciclista Christian Silva, o asesor deportivo Víctor Valderradam, o ex ciclista profesional e animador deportivo Serafín Martínez ou o profesor de Educación Física xa retirado Félix Piñel.

Neste primeiro encontro por videoconferencia abordouse a propia constitución do Consello e fíxose a primeira toma de contacto deste órgano. Así, na reunión explicáronse as liñas xerais da folla de ruta do Concello no ámbito deportivo, na que se contempla tamén unha descentralización para levar a actividade deportiva aos barrios. Por outro lado, durante o encontro abordáronse cuestións como a promoción do deporte base, a necesidade de maior información sobre as instalacións deportivas municipais e de asesoramento en materia de subvencións e axudas, a posibilidade de colaboración con municipios da contorna para o aproveitamento de recursos, a adaptación e creación de instalacións contando co asesoramento dos propios técnicos e deportistas, a realización de novas actividades ou o fomento do apoio económico entre as empresas.

O Consello Municipal de Deportes súmase así ao de Cultura, o de Igualdade e ao de Desenvolvemento Local, que buscan crear un espazo de suma de sinerxías, experiencias, ideas e valores dende unha perspectiva positiva nos distintos ámbitos da vida da localidade.