13.7 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalConcello e adegueiros comezan a preparación dunha nova edición da Feira do...

    Concello e adegueiros comezan a preparación dunha nova edición da Feira do Viño do Rosal

    Celebrarase o 17, 18 e 19 de xullo na Praza do Calvario

    A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández, reuniuse a semana pasada con representantes dos adegueiros e adegueiras da contorna para comezar a traballar de forma conxunta na vindeira Feira do Viño do Rosal, que este ano 2020 celebra a súa XXVIII edición. Durante o encontro comezaron a sentarse as bases para introducir e implantar melloras nesta festa de interese turístico, sempre dende unha perspectiva de “estreitar lazos de colaboración e seguir a liña de traballo marcada para conseguir que a Feira do Viño non soamente manteña a súa calidade, senón que a incremente ano a ano”, salientou Fernández.

    Para o Goberno local esta feira “é un instrumento único para poñer en valor un dos nosos distintivos de calidade, como é o feito de ser Denominación de Orixe Rías Baixas subzona do Rosal”, como destacou a alcaldesa.

    A XXVIII Feira do Viño do Rosal celebrarase os vindeiros 17, 18 e 19 de xullo a Praza do Calvario, tres días nos que a exaltación do viño rosaleiro e dos produtos típicos da zona convivirán con un amplo programa lúdico para todos os públicos. A DO Rías Baixas subzona do Rosal conta cun gran recoñecemento por parte de profesionais do sector e consumidores grazas a especial mestura da uva albariño con variedades propias da comarca como a loureira, a treixadura ou o caíño branco.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.