12.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalAbril será o mes do libro no Rosal

    Abril será o mes do libro no Rosal

    O Concello preparou unha programación especial que incluirá vídeos, premios e recomendacións lectoras, pero tamén contacontos, música, teatro, presentacións, cine ou danza

    Abril será o mes do libro no Rosal. O Concello ten xa preparada unha programación especial coa que convidar a toda a veciñanza a conmemorar o Día do Libro e a gozar da literatura, da cultura e do lecer para toda a familia. A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, destaca que este mes poderase desfrutar dunha ampla axenda “coa que seguir enchendo o noso concello dunha programación diversa, na que todas as persoas poderán atopar actividades coas que pasar un bo rato, nesta ocasión coa literatura como gran protagonista”.

    As actividades comezarán este mesmo venres 1 de abril na Biblioteca municipal co contacontos do libro de Francisco Álvarez, Koki, de ‘Olivia e o clarinete máxico’ (17.00 h), un evento dirixido a público infantil no que colabora a Escola de Música da Agrupación Musical do Rosal. A programación continuará o mesmo sábado 2 no auditorio municipal a partir das 19.30 horas coas audicións do alumnado da propia Escola de Música. O domingo 3 de abril a actividade volve de novo ao auditorio con ‘O porco de pé’, de Producións Teatrais Excéntricas, unha obra teatral para público adulto da que se poderá desfrutar a partir das 19.30 horas.

    A vindeira semana a programación cultural continuará o xoves 7 na biblioteca municipal coa presentación do libro ‘Versiones de mi que desconozco’, de Vanesa Rodríguez ás 19.00 horas. O sábado 9 a Agrupación Musical do Rosal volve ser a protagonista co seu Festival de Primavera para público familiar ás 20.00 horas no auditorio. O 10 de abril será domingo de sesión de cine e risas con ‘A herdanza’, a película do Grupo San Roquiño, unha actividade para todos os públicos ás 19.30 horas no auditorio municipal.

    O domingo 17 a veciñanza poderá gozar do teatro, a danza e a música para público adulto con ‘Lara Hierro’, da compañía de Constance Hurlé no auditorio (19.30 h) e o venres 29 coa presentación do libro de poemas ‘Círculos concéntricos’ de Iria Supertramp na Biblioteca municipal ás 19.00 horas.

    Xunto con toda esta programación cultural, O Rosal contará este mes de abril con moitas actividades centradas na literatura na que os rosaleiros e rosaleiras serán os protagonistas. Así, durante este mes realizaranse e publicaranse vídeos do alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier lendo un conto, dun vídeo promocional da biblioteca municipal, doutro da libraría co que poder coñecer as últimas novidades lectoras, pezas con recomentacións de libros feitas polas persoas que participan no Club de Lectura ou vídeos da veciñanza lendo unha pequena historia.

    Ademais, o Concello colaborará co CRA María Zambrano na edición de marcapáxinas feitos polos nenos e nenas cun código QR que leva información relacionada con diferentes libros. E, como é habitual, co gallo da conmemoración do Día Internacional do Libro a biblioteca entregará os premios ao bo lector nas categorías de infantil, xuvenil e adulto.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.