23 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalA Praza do Calvario do Rosal será reformada ao abeiro do Plan...

    A Praza do Calvario do Rosal será reformada ao abeiro do Plan ReacPon da Deputación

    A presidenta Carmela Silva e a alcaldesa Ánxela Fernández asinan o convenio para esta ambiciosa actuación de máis de 1,5 millóns de euros

    A transformación da Praza do Calvario para convertela nun espazo amable para as persoas, cun marcado carácter peonil e accesible será unha realidade grazas ao Plan ReacPon da Deputación, o plan de recursos extraordinarios destinados aos concellos que a institución provincial puxo en marcha para reactivar a economía da provincial. A presidenta Carmela Silva e a alcaldesa Ánxela Fernández asinaron hoxe o convenio para dar “o pistoletazo de saída” a esta ambiciosa actuación que supón un investimento de 1.518.474,44 €, dos que a Deputación aportará 517.938,05 € e o concello do Rosal 1.000.536,39 €. A intervención permitirá dotar de identidade á Praza do Calvario, poñendo en valor os elementos patrimoniais da contorna e xerar espazos públicos de alta calidade para a veciñanza.

    A presidenta Carmela Silva destacou que “este interesante e potente proxecto vai supoñer un antes e un despois para O Rosal”, nunha contorna situada no centro da vila que con “grandes valores patrimoniais”. “Trátase de moito máis que reformar e rehabilitar, xa que falamos de poñer en valor un lugar central da vila creando un espazo amable, de convivencia, máis democrático, onde acontezan cousas, onde a xente se relacione e poida haber cultura, deporte e outras manifestacións humanas”. Tamén asegurou que coa reforma da praza “imos conseguir que a xente do Rosal viva mellor, sexa máis feliz, teñan máis oportunidades de convivencia” xa que se “recupera espazo para a veciñanza, cambiando o modelo onde os vehículos deixan de ser protagonistas e as persoas se converten no centro”.

    “Co ReacPon queríamos poñer en marcha políticas económicas expansivas para  mobilizar a economía, xerar emprego e manter empresas –explicou a presidenta- e por iso estamos a facer un grande esforzo,  solicitando un crédito de 25 millóns de euros para que os concellos, que teñen grandes proxectos de transformación, reciban recursos extraordinarios para impulsalos”. Carmela Silva informou que “xa o fixemos no anterior mandato” e detallou que “neste, co ReacPon, queríamos impulsar proxectos maduros dos concellos, que supoñen compromisos co medio ambiente, coa loita contra o cambio climático, con crear espazos públicos para as persoas, con poder ter equipamentos e dotacións que as persoas, vivan onde vivan, teñan os mesmos servizos e dereitos”. Todo elo con bases claras, obxectivas e abertas a todos os concellos, explicou a presidenta ao tempo que manifestou o seu desexo de que todos os plans “se fagan deste xeito”. Carmela Silva aproveitou a ocasión para enxalzar a xestión do mundo local. “Os concellos son un exemplo, son eficientes e eficaces, presentan proxectos en prazo e dan cumprimento a bases moi esixentes”, asegurou ao tempo que fixo un chamamento ao “resto das administracións, á Unión Europea, ao Goberno do Estado, á Xunta de Galicia, para que teñan máis en conta aos concellos,  xa que se queremos transformar o Estado, Galicia, a provincia e os concellos é preciso que o mundo local teña máis recursos, máis capacidades para desenvolver proxectos”.

    Pola súa banda a alcaldesa do Rosal Ánxela Fernández agradeceu á Deputación a posta en marcha do Reacpon que “aposta pola reactivación económica a través de políticas expansivas”. Sobre o plan destacou que “é un apoio fundamental para poder facer realidade de xeito sostible un proxecto tan transformador como é a recuperación e  transformación da praza do Calvario, mellorando e cambiando o modelo para poñer ás persoas no centro da política e da xestión, recuperando e democratizando o espazo público e revalorizando a  nosa contorna patrimonial”.  “É un exemplo –engadiu a alcaldesa- e é un orgullo poder dicir que hai administracións como a Deputación que contribúen e facilitan aos concellos empoderarse, decidir por nós mesmas /os e transformar a realidade dende a cercanía. Temos poucos recursos pero moita vontade”.

    O proxecto

    A praza do Calvario é o centro social e administrativo do concello do Rosal que funciona, na actualidade, como “rotonda-aparcadoiro”. Con esta actuación, que empregará materiais construtivos que preserven e potencien o seu carácter patrimonial e arquitectónico, vaise transformar por completo, reforzando este espazo como centro de convivencia da veciñanza e punto de revitalización urbana e comercial a través dun deseño de praza unitario, atractivo, flexible, novo e dinámico que pon en valor a historia da vila e o seu patrimonio.

    A renovada praza integrará varios ámbitos destinados ao concello, a Igrexa, o mercado, a Cámara Agraria ou as terrazas que estarán interrelacionados por un espazo central, con zonas verdes.  Destacan, por exemplo, a zona da contorna do mercado, que regresará ás súas orixes plantando árbores de gran porte que van recordar ás sobreiras que aí había a principios do século XX; ou a da zona central, preto do concello, onde se proxecta un elemento elevado, a modo de escenario, que servirá para reinterpretar o templete de música que tiña a praza nos anos 20 e que foi derribado. Amais, este elemento elevado farase en ladrillo artesán en recordo ao oficio, hoxe desaparecido, dos “cabaqueiros”, que eran produtores de tellas e ladrillos cerámicos que traballaban na zona.

    O proxecto contempla tamén a reordenación do tráfico na contorna; a eliminación das prazas de aparcadoiro e a creación dun novo próximo ao cemiterio; a creación dunha barreira visual vexetal na esquina norte da praza para tapar as traseiras de edificios; a renovación das redes de saneamento, abastecemento, pluviais, telecomunicacións e eléctricas; a instalación de iluminación eficiente e nova sinalización; e a colocación de mobiliario urbano e de novos elementos vexetais.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.