Mércores, 11 Decembro de 2024

A II edición de ‘O Rosal Cámara Fest’ encherá de música todas as parroquias no mes de agosto

O festival volve a sortear a pandemia con 12 concertos en lugares icónicos do municipio

A música de cámara volverá a soar en cada recuncho de O Rosal durante este mes de agosto. O Concello e a Agrupación Musical do Rosal presentaron hoxe a II edición de ‘O Rosal Cámara Fest’, un festival que naceu o pasado verán e que este ano expándese con 12 concertos en cada unha das parroquias do municipio. “Queremos que a música sexa accesible a toda a veciñanza e valorizar con ela os nosos espazos “, afirmou a alcaldesa, Ánxela Fernández.

Unha das novidades máis destacadas desta edición é a inclusión de rutas guiadas antes dos concertos. “Queremos aproveitar os enclaves naturais dos concertos para dar valor ao territorio”, explica o presidente da Agrupación, Andrés García. A programación do festival  inclúe unha ruta no entorno da Abadía das Eiras o luns día 9, outra o domingo 15 en Sanxián, e unha última o luns 16 na Alameda de San Miguel.

O festival aprovéitase ademais para dar un pulo ao comercio local. Durante os concertos sorteáranse vales de compra nos comercios da Asociación de Comerciantes do Rosal cun valor total de case 500 euros.

Dende o Concello queren agradecer o “gran traballo” da Agrupación Musical do Rosal para organizar este festival. O concelleiro de Cultura, Carlos Villanueva, destacou que o formato do Cámara Fest “chegou para quedarse e darlle unha nova vitalidade ás nosas rúas e á propia agrupación”. Palabras ás que se sumou a alcaldesa indicando que a cultura no Rosal volve a demostrar a súa capacidade de “adaptación e reactivación”.

O ciclo de concertos comezará este sábado día 31 ás 22.00 horas coa actuación da Banda Agrupación Musical Atlántida de Mátama na Praza do Calvario, e pechará ao grande o próximo sábado 21 á mesma hora e no mesmo lugar cos concertos da Banda Agrupación Musical do Rosal, e o de Big Band Amdor.

O ‘Cámara Fest’ naceu o verán pasado como unha adaptación do festival de Músicos Xoves que se viña celebran cada ano. Por mor da COVID era imposible xunta nun mesmo espazo aos máis de 70 compoñentes da banda, polo que a Agrupación decidiu modificar o formato ofrecendo concertos por ensembles instrumentais que levan o nome de persoas destacadas da entidade, como Pepe Alfonso, ou Suso González.

Programa

Sábado 31 – 22 h – Praza do Calvario

Banda Agrupación Musical Atlántida Matamá

Luns 2 – 21 h – Quinta de Couselo

Ensemble de Clarinetes Klason

Ensemble de Saxofóns “Emilio Rodríguez”

Xoves 5 – 21 h – Escola de Fornelos

Banda infantil

Domingo 8 – 21 h – Igrexa de Santa Mariña

Quinteto de Vento “Rubato”

Luns 9 – 21 h – Abadía das Eiras

Ensemble de Frautas “Pepe Alfonso”

Ensemble de Clarinetes Klason

Xoves 12 – 21 h – Parque de Pías

Banda Infantil

Sábado 14 – 22 h – Praza do Calvario

Banda Unión Musical de Meaño

Domingo 15 – 21 h – Sanxián

Coro Ecos do Folón

Coral da Agrupación Musical do Rosal

Luns 16 – 21 h – Alameda de San Miguel

Ensemble de Frautas “Pepe Alfonso”

Ensemble de Saxofóns “Emilio Rodríguez”

Xoves 19 – 21 h – Igrexa de Santa Mariña

Minibanda

Quinteto de Vento “Suso González”

Sábado 21 – 22 h – Praza do Calvario

Banda Agrupación Musical do Rosal

Big Band Amdor