Os feitos remóntane a maio do 2019, mes no que o Concello solicitaba do Servizo de Emprego e Economía Social da Xefatura Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, unha subvención con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C-20500489 por importe de 21.000 € para o cofinanciamento da contratación de 7 traballadores/as desempregados/as para o servizo de socorrismo das Praias con Bandeiras Azuis do municipio na época estival, Area Grande e O Muíño.
No mes de setembro o Alcalde da Guarda solicitou a reducción da subvención a 6 traballadores por ser estes suficientes para cubrir as necesidades do servizo. Asimesmo, achegou a documentación xustificativa de que outro traballador fora contratado, por motivos alleos ao concello, 7 días máis tarde do previsto nas bases publicadas pola Consellería de Economía da Xunta. A contratación produciuse o 8 de xullo de 2019 en lugar do 1 de xullo. Dende o Servizo de Emprego e Economía Social da Consellería de Economía comunicaron ao concello que por este motivo perdían o dereito a totalidade da subvención para este traballador. Pasando a participación da Xunta de 18.000 € a 15.000 €
No mes de outubro o Alcalde da Guarda presentou un recurso de reposición alegando que dos 6 candidatos que presentaron os papeis en tempo e forma, tan só 5 acudiron á realización das probas de selección unha vez finalizado o prazo de presentación da documentación esixida. Dende o concello non se entende como, por este motivo “revógase totalmente a subvención deste traballador reducindo o importe total en 3.000 €, cando tan solo se atrasou o tempo de contratación en 7 días”.
Segundo o equipo xurídico do concello da Guarda, queda de manifesto que o grao de cumprimento do concello aproxímase, de xeito absolutamente significativo, ao cumprimento total das súas obrigas, polo cal se solicita recoñecer o dereito do concello da Guarda a recibir o importe proporcional da subvención concedida no seu día, por importe de 2.650 € polo socorrista contratado con data 8 de xullo de 2019.
Unha vez finalizada a vía administrativa, despois de que a Xunta desestimara o recurso presentado polo Alcalde da Guarda, o concello decidiu interpoñer un recurso contencioso-administrativo con data 3 de xaneiro de 2020 por non compartir as consideracións expostas na resolución por un suposto incumprimento total e non parcial, como se entende que foi o caso, esixindo a parte proporcional da subvención concedida inicialmente.
Dende o concello recórdase que a non contratación en prazo deste socorrista non é responsabilidade municipal, senón consecuencia dun proceso selectivo que presenta, todos os anos e en moitos concellos, dificultades pola escasa oferta de traballadores. A Xunta e O Servizo de Emprego da Consellería de Economía deberían buscar as causas desta baixa demanda de emprego de socorristas e tomar as medidas que lle corresponden, por ser da súa competencia, para aumentar o número de socorristas titulados.
A contratación de socorristas é necesaria para solicitar as Bandeiras Azuis para as praias. Moitos concellos, diante da dificultade de contratación de socorristas, teñen renunciado a solicitar esta distinción. A Xunta de Galicia debería facilitar máis a obtención de Bandeiras Azuis para as praias galegas polo que representan na promoción turística. Na actualidade son os concellos os máis penalizados a hora de conseguir estas distincións.