14.6 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaNovo vehículo de emerxencias para o GES da Guarda

    Novo vehículo de emerxencias para o GES da Guarda

    O pasado mércores día 11 de decembro o Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) do concello da Guarda recibiu un novo camión tipo Bomba Rural Lixeira (BRL) que será empregado tanto para incendios urbanos coma forestais e diversas incidencias coma accidentes de circulación.

    A este acto asistiu unha representación da Corporación Local, encabezada por Antonio Lomba, alcalde da Guarda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda; o Delegado Territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís; o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, así como boa parte dos 12 membros que conforman o GES da Guarda.

    O novo vehículo de primeira saída completamente equipado está valorado en máis de 213.000 euros e dispón dun motor de 280 CV e tracción total 4×4. Tamén conta cunha bomba de impulsión de alta e baixa presión cun depósito de 2.000 litros de auga e de armarios nos que albergar o material necesario para facer unha primeira intervención na extinción de lumes. Ademais, os seus oito focos LED e un mástil de iluminación permiten realizar intervencións en situacións de pouca luminosidade. Ven a completar o equipamento terrestre e acuático co que conta o servizo de emerxencias da Guarda e mellorar a eficacia ante calquera intervención.

    Esta adquisición enmárcanse no proxecto de Asistencia Recíproca Interrexional en Emerxencias e Riscos Transfronteirizos ARIEM+, unha iniciativa de colaboración que lidera a Xunta co obxectivo de xestionar de forma conxunta os recursos para mellorar a atención e a coordinación das emerxencias nas zonas limítrofes con Portugal.

    O Alcalde da Guarda e responsable de Emerxencias do municipio destacou o gran labor que realiza o GES da Guarda no seu ámbito xeográfico de actuación, que abarca aos concellos da Guarda, O Rosal, Oia e Tomiño, cun total de 919 incidencias atendidas no ano 2018.

    Malia a precariedade de medios existentes no ano 2013, cando se formou o GES da Guarda, grazas a un importante esforzo económico en dotación de materiais por parte do Cocnello da Guarda e a diversas cesións de materiais da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, o GES da Guarda conta arestora cunha importante cantidade de medios que optimizan e melloran o seu servizo

    Entre as incidencias máis frecuentes destacan os accidentes, seguido de operativos por animais, xestións medioambientais, incendios urbanos e forestais, incidencias relacionadas coa circulación, operativos varios, riscos, salvamento e rescate, sanitarios e de seguridade.

    A formación dos 12 efectivos que forman parte do GES da Guarda é unha parte primordial para realizar unha atención adecuada no momento de incidencias reais, por este motivo participan activamente ao longo do ano en actividades de formación e simulacros de emerxencias xunto con outros equipos de emerxencias como o helicóptero Pesca 1 do servizo de gardacostas e tamén realizan charlas e xornadas de emerxencias en diferentes centros educativos do Concello da Guarda, participación en eventos acuáticos coma travesías a nado, entre outros.

    Neste senso o GES da Guarda, dende o programa control velutina, a través do 012, leva xestionado aproximadamente un total de 370 incidencias dende o 11/06/2016 ao 11/09/2019.

    O GES da Guarda realiza diversas charlas informativas nos centros educativos do municipio, que teñen coma obxectivo que os rapaces e rapazas saiban como actuar ante situacións de risco ou emerxencias, coñecendo o funcionamento dos plans de autoprotección dos seus respectivos colexios e centros educativos, así coma saber coma realizar unha correcta evacuación en caso de incendio, grazas á realización de simulacros de evacuación.

    Tamén destaca a colaboración coa Consellería de Medio Rural na atención dos incendios forestais, prestando unha atención inmediata e apoio nos diferentes incendios que afectaron aos montes da nosa contorna.

    Cabe destacar, que a empresa IKF España S.A., conta todos os anos co Grupo de Emerxencias Supramunicipal para participar no simulacro programado, así como facilitar o seu Plan de Autoprotección para que os integrantes do servizo teñan coñecemento dos riscos que se poden presentar nas súas instalacións.

    Dende o Concello da Guarda se manifesta a aposta firme pola dotación de novos medios e o mantemento deste servizo de emerxencias, primordial para atender as incidencias na nosa zona, ante o illamento xeográfico, traballando pola mellora do GES da Guarda.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.