O pasado venres 3 de setembro Bruce Grinn foi o encargado de iniciar o segundo concerto de Música nos Xardíns, unha iniciativa coa que o Concello da Guarda quere ofrecer visibilidade aos novos talentos musicais do municipio da súa contorna e que, neste 2021, incorpora unha ampla variedade de ritmos e estilos.
Bruce é un músico independente, formado en Inglaterra onde se creceu como músico tocando en bandas locais, e se estableceu en 2011 na Guarda onde formou o grupo The Loopholes, moi ben acollido pola prensa musical galega. No 2017 decidiu embarcarse en solitario nun novo proxecto musical mais ambicioso, chegando o seu debut discográfico en 2018: Fustian Fumes. Con 8 temas de rock-alternativo e un son endurecido en relación aos seus traballos anteriores, o disco conta coa colaboración de varios músicos entre os que destaca Tania González Braga (The Mirror) nas voces, quen aporta solidez e calidez vocal.
En directo, Bruce, acompañado tan só dunha guitarra acústica e algo de percusión, ofreceu o seu lado mais íntimo entre a canción de autor propia do indie-folk e o rock dos anos noventa.
O grupo The Mirror, foi o encargado de pechar a velada, co seu repertorio de temas propios con influencias do rock, funk e o soul. Este grupo, formado no 2018 unificando as diferentes traxectorias dos seus compoñentes, xa estiveron no Mercado da Música celebrado nos Xardíns do Centro Cultural, así como en diferentes festivais da provincia (Solpor no Mosteiro, Oia ou Sons do Casco, Baiona).
Esta programación parte dunha colaboración con aquelas asociacións e colectivos que ata o 2019 viñan organizando festivais de música na nosa vila, como o Rock Guardés ou o Galifornia Beat, que por mor da pandemia e as restricións e limitacións impostas para facer fronte ás actividades culturais non poden realizar os seus festivais este ano.
Último concerto de Música nos Xardíns 2021
Sábado 18 de setembro ás 21:00 h – The Charráns + Zalomon Grass
The Charráns (A.K.A los charranes) é un grupo local da Guarda nado no ano 2014 e formado entre compoñentes dos grupos Frakaso Skolar e Asegún como resposta a unha sociedade insociable. No ano 2016 editan o seu primeiro disco Punk furtivo da man de Baixo Miño Estudios e despois de ducias de concertos no ano 2020 gravan o seu novo LP en Grabaciones Ilegales con Charlie Thenstill e que foi publicado na internet por falta de fondos para a súa edición. Criáronnos dicindo que poderíamos ser ricos, ser famosos, cortar o bacallao e triunfar na vida, pero todo era mentira. Só uns poucos poden ser ricos e ao resto, tócanos sementar patacas, facer pan, ir ao mar ou construír esas casas que nunca teremos, ao resto tócanos ser Charráns.
Zalomon Grass e o seu desbordante blues cósmico ven a sacarnos da apatía e o entumecemento destes tempos estraños. Se te gustan os power tríos dos vellos tempos, esta é a túa banda.
Estes concertos están apadriñados polo Rock Guardés e o Galifornia Beat.
As reservas de entradas poden facerse no seguinte link: https://www.woutick.es/evento/1594/entradas-axenda-cultural-a-guarda