10 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaArranca na Guarda a exposición “Sempre Vivas”

    Arranca na Guarda a exposición “Sempre Vivas”

    A Exposición poderá visitarse do 25 de novembro ao 4 de decembro en horario de 9:00h a 15:00h na Casa dos Alonsos

    O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, organiza a exposición “Sempre Vivas” para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.

    Nesta exposición participaron todos os centros educativos da Guarda, a Asociación Avelaíña, o Centro San Xerome e o Obradoiro de Emprego da Guarda e se pode visitar dende hoxe día 25 de novembro ata o 4 de decembro en horario de 9:00h a 15:00h na Casa dos Alonsos.

    Queremos manter na nosa lembranza a todas as mulleres ás que lle despoxaron os soños, os recordos e o seu propio alento.  Todas as vidas que alguén decidiu que non merecían continuar e apagaron pola forza. 

    O obxectivo desta exposición é homenaxear ás vítimas da violencia de xénero, para que non sexan borradas do mapa de balde. En certo xeito, queremos volver a darlle vida, enchendo as súas siluetas de cor, de mensaxes, de alento, … para que a súa lembranza permaneza en nós  e nos motive a reflexionar sobre o xeito en que nos achegamos á lacra da violencia machista como sociedade, pondo por bandeira a sororidade e a afouteza para combater e denunciar estas situacións. Queremos facer partícipes ás crianzas, porque elas son o futuro, e unha educación a favor da igualdade entre todas as persoas sen distinción de xénero ou condición é o comezo da andaina.

    Dende o Concello da Guarda se quere facer un agradecemento a todos os centros educativos, institucións e entidades que participaron na elaboración do material desta exposición.

    Campaña En Negro contra as Violencias

    A Concellería de Igualdade do Concello da Guarda, con motivo da Conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero, uniuse un ano máis á campaña de sensibilización En Negro contra as Violencias, coa que se pretende tinguir de negro as vilas e cidades galegas.

    Desde o Concello, púxose a disposición da cidadanía, establecementos comerciais e asociacións, de forma totalmente gratuíta, cartelería, camisetas e mochilas e xa destinado especificamente ao sector da hostalaría, pousavasos e panos para que do 17 ao 25 de novembro, vestisen as tendas, comercios, empresas, bares, postos do mercado, etc. de negro, así coma os maniquís, manteis dos restaurantes e  ás/ós propias/os traballadoras/es. A iniciativa foi un éxito, esgotándose todo o material da campaña.

    Vídeo Manifesto polo 25N

    O alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a concelleira de Igualdade, Fátima Rodríguez, elaboraron un vídeo no que deron lectura ao Manifesto do 25N, un vídeo no que se amosan os traballos elaborados polos centros educativos, institucións e entidades que participan na exposición “Sempre Vivas” para conmemorar o 25 de novembro, Día contra a Violencia de Xénero.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.