Este domingo, 12 de xaneiro, A Guarda pechará oficialmente a programación e actividades do Nadal 2019/2020 co apagado do alumeado e o peche da Pista de Xeo da Alameda. Malia que inicialmente as previsións era manter a pista en funcionamento ata o vindeiro día 19 de xaneiro, a empresa que xestiona a mesma optou por adiantar o seu peche ante a baixa afluencia de público.
A Guarda pecha polo tanto, este domingo, un Nadal que se iniciaba o 5 de decembro co acendido do alumeado e no que os nenos e nenas da vila foron os principais destinatarios da ampla programación que se levou a cabo con espectáculos infantís, concertos, tardes de xogos e ludotecas, ás que asistiron moitos cativos e cativas da vila.
A programación contou tamén este ano coa música en directo dos grupos Inertes e Presumido, así coma unha Barferencia, o tradicional concerto de panxoliñas, dos alumnos e alumnas do Conservatorio da Guarda, exposicións e unha espectacular Cabalgata de Reis Magos, que encheu as rúas da vila de asistentes, cunha recepción multitudinaria na Casa dos Alonso.