9.6 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoA GuardaA Guarda inicia os preparativos para un Nadal cheo de actividades

    A Guarda inicia os preparativos para un Nadal cheo de actividades

    Pista de xeo e Mercado de Nadal son tan só unha pequena parte da ampla programación na rúa que o Concello da Guarda ten programada para estas vindeiras festas

    O Concello da Guarda deu a coñecer onte, nunha reunión co sector do comercio do municipio, as principais novidades da Campaña de Nadal deste ano 2019. A concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez, avanzou a programación aos comerciantes guardeses nunha reunión que se celebrou na Casa dos Alonso.

    Fátima Rodríguez quixo aproveitar esta ocasión para recordar aos presentes a forte aposta que dende o Concello da Guarda se está a realizar para dinamizar e promover o comercio e hostalaría, “sectores fundamentais para o tecido económico da Guarda e que se distinguen pola súa calidade, a súa diversidade e variedade de servizos”. Nesa liña, a concelleira fixo especial fincapé en que esta campaña “realízase para dinamizar estes sectores de cara a unhas datas moi importantes para a vila, nun dos municipios con maior densidade comercial de Pontevedra, o que repercute moi positivamente, xerando recursos, riqueza e emprego”.

    Con este obxectivo, o de dinamizar as rúas, estas serán o principal escenario das actividades de Nadal de cara a xerar un maior movemento de persoas pola vila, favorecendo a mobilidade das persoas polo casco urbano e incentivando as compras no comercio local.

    Pista de xeo para o Nadal 2019

    En canto á Programación de Nadal, Fátima Rodríguez anunciou que este ano A Guarda contará novamente cunha Pista de Xeo, que estará instalada na Alameda da Guarda dende o 5 de decembro ata o 19 de xaneiro de 2020. Este ano establécese un sistema de puntos que permitirá facer promocións a través das empresas locais, cada entrada para a Pista de Xeo terá un custo de 7 puntos e cada punto terá un valor de 1 €.

    Todos aqueles comercios que desexen dispor de puntos para a Pista de Xeo poderán mercar os que desexen a partires do 25 de novembro na empresa colaboradora Informática San Benito no teléfono 986 60 89 20, tamén se poderán mercar ‘in situ’ unha vez estea instalada a Pista de Xeo na Alameda da Guarda.

    As empresas que se adhiran ao sistema de puntos deberán de manter o seu compromiso de dispor de puntos nos seus establecementos ao longo da duración da campaña de Nadal, do 5 ao 19 de xaneiro, o seu reparto entre os seus clientes queda á elección de cada comerciante, os puntos que non se consuman ao remate da campaña serán reembolsados.

    Cada local participante aparecerá nunha lona na propia pista de xeo e terá un cartel anunciador da campaña no seu establecemento. Tamén se disporá de espazos publicitarios no interior destas instalacións, un lugar para dar visibilidade aos servizos e produtos das empresas que desexen incluír publicidade alí.

    Dende o Concello da Guarda recórdase ao comercio e ao sector hostaleiro “o importante esforzo económico que supón traer novamente á Guarda unha Pista de Xeo”, polo que se pide a súa “colaboración e implicación” para facer que o seu funcionamento sexa o agardado e se converta nunha tradición do Nadal Guardés.

    Coa instalación desta Pista de Xeo preténdese incentivar o consumo e as estancias de visitantes na Guarda, nunha das épocas de maior afluencia e máis importantes para o tecido económico guardés como é o Nadal.

    Mercado de Nadal e actividades infantís

    Ademais da Pista de Xeo, A Guarda contará este Nadal con moitas máis actividades e diversión para toda a familia con dous espazos de dinamización: un Mercado de Nadal, que estará no entorno da Praza Avelino Vicente (As de Copas) e unha zona de obradoiros e actividades infantís na Praza Bautista Alonso (Monterreal).

    Decora o teu Nadal

    A Campaña de ‘Decora o teu Nadal’ contará este ano coa colaboración de 11 asociacións, que embelecerán 11 espazos públicos do municipio coa temática mariñeira empregando materiais de refugallo.

    Máis actividades

    Como ven sendo habitual celebrarase a Cabalgata de Reis Magos e tamén haberá as tradicionais actuacións musicais de nadal, como o Festival de Panxoliñas e concertos de nadal.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.