A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou na xornada en liña de peche do proxecto europeo Manufactur 4.0, que lidera a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación a través do CIS Tecnoloxía e Deseño e que está financiado a través de fondos Feder do programa Interreg VA España-Portugal 2014-2020 (POCTEP). O obxectivo deste proxecto é transferir de xeito efectivo as novas tecnoloxías de fabricación avanzada e baixo custo á industria do sector naval e metalmecánico.
A directora de Gain explicou que esta iniciativa acadou un efecto incentivador da implantación das tecnoloxías 4.0 na industria naval e metalmecánica da Eurorrexión
Galicia-Norte de Portugal grazas á intensificación das relacións entre os centros tecnolóxicos e as empresas. Concretamente, desenvolvéronse sete proxectos piloto demostradores en dez empresas da Eurorrexión para validar a transferibilidade dos resultados do proxecto cara a industria.
Argerey confirmou que ao longo dos tres anos de execución do proxecto se puideron evidenciar os beneficios da adopción da Fábrica 4.0 no cambio, crecemento e modernización do sector transfronteirizo. Por este motivo, a directora de Gain anunciou que a Xunta de Galicia se compromete a seguir impulsando medidas que aumenten a competitividade do sector, a través do aumento da súa intensidade tecnolóxica, diversificación, especialización e innovación, a través de instrumentos como o programa de Fábrica Intelixente ou os Hubs de Innovación Dixital, que contarán cun orzamento para 2021 de 45 millóns de euros.
Presentación de resultados
Ao longo da xornada presentáronse os resultados do proxecto europeo e o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da Universidade da Coruña, Salvador Naya Fernández, expuxo a experiencia práctica da Unidade Mixta de Investigación promovida por Navantia e a Universidade da Coruña, co apoio da Xunta de Galicia, en torno ao Estaleiro do Futuro.
En canto á presentación dos resultados acadados polas entidades socias, explicouse o deseño, validación e tecnoloxías desenvolvidas no proxecto para impulsar ao sector naval e metalúrxico, os perfís profesionais necesarios e contidos formativos elaborados sobre as tecnoloxías impulsadas no marco do proxecto, así como as misións tecnolóxicas directas e inversas para compartir o coñecemento e coñecer outras boas prácticas fóra da Eurorrexión.
Este evento finalizou cunha mesa de debate na que participaron representantes de Aclunaga e Aimen, entre outros, xunto a Salvador Naya Fernández para reflexionar sobre o futuro próximo do sector naval galego. No proxecto participaron seis socios de Galicia e Norte de Portugal: Centro de Apoio Tecnológico à Indústria Metalomecânica (CATIM), Instituto de Engenharia de Sistemas e Computadores, Tecnologia e Ciência (INESC TEC) e a Agência Nacional de Inovação (ANI) -procedentes de Portugal- e a Axencia Galega de Innovación (Gain), a Asociación de Investigación Metalúrgica do Noroeste (Aimen) e a Asociación Clúster Naval Galego (Aclunaga) –pola parte galega-.