21.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaCoveloCovelo presenta os traballos de recuperación do antigo reloxo do ano 35

    Covelo presenta os traballos de recuperación do antigo reloxo do ano 35

    O Concello do Covelo convida a toda a cidadanía á presentación da restauración do reloxo e do libro “Reloxos monumentais, de sol e campás” de José Higinio Suárez Garra e Estanislado Fernández de la Cigoña Núñez.

    O acto terá lugar no salón de plenos da Casa do Concello este sábado día 22 ás 18 horas e nel presentaranse os traballos de recuperación do reloxo mecánico da man do seu restaurador, o experto reloxeiro José Higinio Suárez, máis coñecido como “Secho”.

    Este reloxo presenta un mecanismo único grazas a súa agulla minuteira saltante. O reloxo está calculado para poder levar ata catro esferas, algo que lle obrigaría a levar unhas pesas descomunais, segundo explica Secho. Para evitar este tremendo esforzo inventouse un sistema que permite que a agulla non pase por todos os eixos facendo que esa agulla minuteira dea dous saltos por cada minuto. 

    Explica o reloxeiro que tivo que reparar e refacer algunhas das pezas facendo un exercizo de extrema precaución e precisión, “a reloxería antiga non se pode case tocar para que non se descompensen os mecanismos”. Engade Secho que él mesmo construíu unha esfera nova, as agullas e o escudo para que comece a funcionar pero que coa simple retirada destas pezas o reloxo quedaría no seu estado orixinario. 

    Na presentación afondarán tamén na historia do reloxo que fora encargado a unha recoñecida marca de reloxería vasca pola comisión “Pro iniciativas para o melloramento do Distrito de Covelo” no ano 1935 presidida por Antonio Conde Fresco, que foi alcalde de Covelo entre os anos 1934e 1936. O reloxo foi sufragado por subscrición popular e doado ao concello pola comisión ao considerar que debía ser colocado na Casa Consistorial ao ser de “grande utilidade pública e de absoluta necesidade e trascendencia na reglamentación de toda a vida campesiña do noso pobo” segundo se pode ler na acta de doazón do 17 de maio de 1935 e que agora poderemos ler no libro que tamén se presenta este sábado.

    Na publicación recóllense ademais un inventario dos tesouros agochados nos campanarios das igrexas de Covelo ofrecendo un relato sobre as campás máis salientables e os reloxos de sol atopados no concello.

    O alcalde Pablo Castillo quere agradecer a Luisa Conde Prieto e a Rui Ferreira da Silva a súa sensibilidade sendo as persoas que financiaron estes traballos de recuperación, “quero amosar o meu fondo agradecemento a dona Luisa e don Rui por ter financiado estes traballos e posta en funcionamento do reloxo e achegar parte da documentación histórica legada da súa familia para completar o libro que mañá presentaremos”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.