O BNG iniciou unha campaña na localidade de Arbo ante o “incremento brutal da factura da luz”. Na mañá deste mércores, a formación nacionalista instalou unha mesa informativa na Praza do Consistorio, na que recolleu ducias de sinaturas para reclamar “a adopción de medidas que permitan a diminución do prezo da factura eléctrica e o fin da discriminación que padece Galiza por este motivo”
O Responsábel Local do BNG, Diego Prieto Gago, reivindicou a necesidade “dunha tarifa eléctrica galega, que abarate a factura da luz a particulares e ás nosas empresas, de xeito que se compense o papel de Galiza como excedentaria na produción eléctrica e o forte impacto ambiental e social derivado do seu papel produtor”, sinalou o nacionalista, aclarando que “producir electricidade implica ter o país cheo de encoros, miles de aeroxeradores e, por se fose pouco, agora un boom eólico depredador que é unha bomba par ao medio rural ao servizo das eléctricas”.
Así mesmo, Gago lembrou que “a electricidade é un ben de primeira necesidade, non un luxo” polo que o BNG propón “baixar o IVE da enerxía eléctrica ao 4%, o tipo máis baixo posíbel, como se aplica á alimentación ou os medicamentos, xa que isto significaría considerar a electricidade como un ben esencial e facilitaría pagar a factura a un gran número de familias traballadoras, pequenas e medianas empresas, nun momento de crise económica como o actual derivado da pandemia”.
Crear unha empresa pública galega de enerxía e garantir a subministración eléctrica a toda a poboación, establecendo medidas para que non se lle poida cortar a luz a ningunha persoa sen recursos, son outras das medidas que formula o BNG, que en palabras de Gago, “vai dar a batalla ante as decisións que prexudican á economía das familias e só benefician ás eléctricas
Por último, o responsábel do Bloque lembrou a “complicidade” de PP e PSOE, “para quen funcionan as portas xiratorias das eléctricas que decidiron o actual marco regulador aprobado polo PP e que o PSOE mantén”. Así mesmo, Gago lembra que “o Partido Popular, que agora se escandaliza pola suba da luz, leva máis dunha década no Parlamento Galego impedindo baixarlle a luz ás galegas e galegos a través dunha tarifa eléctrica galega”.