17.7 C
Pontevedra
Mércores, 24 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaArboA Xunta comeza as obras de acondicionamento da antiga PO-400 de Arbo

    A Xunta comeza as obras de acondicionamento da antiga PO-400 de Arbo

    A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo, que contan cun investimento de 1,3 millóns de euros, no que se inclúen as expropiacións dos predios necesarios para a execución do proxecto.

    O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Arbo, Horacio Gil, e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas e da empresa adxudicataria, supervisaron o inicio dos traballos, que cumpriron co cronograma previsto para iniciarse neste mes de decembro e que contan cun prazo de execución de seis meses.

    A actuación recén comezada dividirase en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400 e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada, onde se procederá á construción dunha glorieta para favorecer a regulación do tráfico e os accesos á vía.

    Mediante este proxecto, a Xunta levará a cabo a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

    A intervención inclúe a execución dun novo tramo de conexión desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á rotondaa prevista desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

    Executarase, ademais, un carril de parada de autobús e colocarase un refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO‐400, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO‐400A.

    Tamén se mellorará a seguridade peonil no antigo trazado da PO‐400 cun itinerario de 1,80 metros de ancho, incluído o bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.

    As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

    “O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos tanto para os vehículos como para os peóns e, neste caso de Arbo, tratábase dunha actuación moi necesaria, solicitada polo Concello e polos veciños e á que facemos fronte cun investimento moi importante”, concluíu Luis López.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.