11.1 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeA ParadantaArboA Festa da Lamprea de Arbo conta, un ano máis, co apoio...

    A Festa da Lamprea de Arbo conta, un ano máis, co apoio da Deputación

    A institución apoia con 6.000 euros este evento, unha das festas gastronómicas máis antigas de Galicia

    A Festa da Lamprea, que entre os días 22 e 24 de abril encherá Arbo de miles de comensais para exaltar esta exquisita especie primitiva de millóns de anos, volverá contar un ano máis co apoio da Deputación de Pontevedra. A institución provincial destinará 6.000 euros para promocionar o evento, declarado de interese turístico nacional en 2016 e consolidado como un dos grandes reclamos festivos do calendario gastronómico de Galicia.

    A Deputación salienta que se trata dunha das festas gastronómicas máis antigas da comunidade, que arrancou no ano 1961 e que, dende aquela, tense convertido nun foco de atracción de milleiros de persoas que se dan cita en Arbo para desfrutar das múltiples preparacións da lamprea. O obxectivo da institución provincial con esta axuda é xuntar esforzos e impulsar accións conxuntas para promover o turismo na provincia, acadar unha maior difusión da Festa da Lamprea e dar a coñecer este manxar, que ten como base unha especie capturada de xeito tradicional e da que xa desfrutaban os emperadores romanos.

    A Festa da Lamprea naceu da man da veciñanza, funcionariado e empresas de restauración do concello de Arbo para dar a coñecer tanto os viños da zona como o seu produto estrela. Dende aquela, cada última fin de semana de abril enxálzase esta delicia culinaria que pode degustarse en múltiples preparacións: dende á arbense (en cazola de barro guisada coa súa propia sangue, con arroz branco e pan tostado) ata seca, rechea, á brasa, con tirabeques ou en empanada.

     A Festa da Lamprea é unha das catro citas declaradas de interese turístico nacional da provincia. Comparten esta distinción a Festa da Reconquista de Vigo, a Festa do Marisco do Grove e a Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa. A Deputación apoia ano tras ano estes eventos, ao igual que as festas de interese turístico internacional e todos aqueles acontecementos festivos que contribúen á promoción do territorio.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.