Mércores, 23 Abril de 2025

O alcalde da Cañiza e o deputado provincial asinaron a acta de entrega de viais provinciais

Luis Piña, alcalde da Cañiza, e Gregorio Agís, deputado provincial de Infraestruturas e Vías Provinciais da Deputación de Pontevedra, asinaron no día de onte a acta pola que a Deputación entrega ao Concello varios treitos antigos de viais provinciais.

Esta cesión permite o cambio de titularidade a favor do Concello de 8 treitos  de vial na EP 5005 A Cañiza – Pousa,  ao seu paso polo Couto e outro treito na EP 5001 A Franqueira – Cebreiro.

Este expediente de cesión arrancou no anterior mandato municipal coa sinatura entre as dúas administracións da cesión de 8 tramos de vial, que suman un total de  885 metros de lonxitude, na EP 5005 ao seu paso pola parroquia do Couto así como de varios metros de vial na estrada EP 5001  A Franqueira – Cebreiro. Nesta parroquia a Deputación de Pontevedra mellorou o tramo do viario antigo correspondente co núcleo urbán do Cebreiro entre os ppqq. 0+710 e 2+245, o cal deixou de ter as características propias dunha estrada provincial, pasando a ter carácter local polo que se transferiu ao concello da Cañiza.

 A cesión destos treitos de estrada é consecuencia das melloras de trazado efectuadas pola Deputación. Melloras que deixaron unha serie de treitos antigos que xa non teñen a funcionalidade de viario principal provincial, servindo principalmente de acceso aos predios e as vivendas lindeiras.

 O Concello da Cañiza solicitou á Deputación de Pontevedra o cambio de titularidade dos devanditos treitos, asumindo o mantemento e conservación dos mesmos.

Na tramitación deste procedemento a Deputación de Pontevedra solicitou á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta o cambio de titularidade a prol do concello da Cañiza destes tramos. Cambios de titularidade que foron aprobados pola Comunidade Autónoma por Decreto 3/2022 o pasado 13 de xaneiro e publicados nos DOGA o pasado 24 de xaneiro.