O alcalde da Cañiza, Luis Piña, asinou onte un convenio de colaboración coa ‘Vía Mariana de Peregrinación Luso-Galaica’ ruta que une as localidades de Braga e Muxía. O acto de sinatura tivo lugar na Casa Cultural de Parada –antes da reunión que o alcalde mantivo cos veciños da parroquia– e nel estiveron presentes a presidenta da Asociación Vía Mariana, María José Silva; o presidente da Asociación de veciños de Parada-A Paradanta, Manuel Augusto Meiriño e o presidente da Comunidade de Montes de Parada de Achas, José Luis Gómez Antón.
A sinatura do convenio é para o alcalde da Cañiza “un compromiso mutuo de colaboración para impulsar o desenvolvemento deste importante proxecto turístico, cultural, relixioso, económico e social e para captar fondos de todas as administracións públicas para a construcción dun Albergue de Peregrinos e un moderno Centro de Interpretación da Vía Mariana no lugar do Feirón en Parada”. Para Luis Piña, estas dúas obras “serán definitivas” para converter Parada, e polo tanto A Cañiza, nun lugar de referencia para os peregrinos.
Dende o Concello, o convenio permitirá buscar axudas que irán destinadas á construcción dun Albergue de Peregrinos na antigua casa da carnicería e adaptación da Casa Cultural de Parada en Centro de Interpretación da Vía Mariana.
Ámbalas dúas edificacións están situadas no Feirón, no antigo mercado da parroquia de Parada, que se converterá no centro neurálxico desta Vía que comeza no Santuario do Sameiro en Braga (Portugal) e ao longo de 382 quilómetros chega ata Muxía, na Coruña, pasando polos santuarios marianos máis importantes, entre eles o da Franqueira.
Trátase dunha ruta cun fermoso entorno natural e con abundante patrimonio cultural e espiritual, apoiado por 29 institucións cun obxectivo común: crear sinerxias para loitar contra as zonas rurais máis desfavorecidas, mellorar a calidade de vida dos homes e mulleres destas zonas e ponderar a nosa riqueza paisaxística, patrimonial e relixiosa, como un revulsivo para proxectar as zonas rurais luso galaicas máis deprimidas coñecidas como o “deserto verde”. Esta vía tamén está concebida como un punto de encontro espiritual.
Segundo manifestou o alcalde da Cañiza, Luis Piña, “esta vía é un proxecto altruista e ambicioso feito coa suma de talentos e vontades con moitos obxectivos á vista pero principalmente para atraer inversións e desenvolvemento para A Cañiza”.
“Por iso –engade o rexedor local– o Concello da Cañiza asume o compromiso de buscar e obter a financiación necesaria para este proxecto, en calquera das administracións públicas (axudas da Unión Europea, ministeriais, autonómicas ou provinciais)”.
“Tamén se compromete a desenvolver todas aquelas accións que teñan como obxectivo principal o asentamento de bases para a creación de riqueza, neste caso co turismo como cun gran potencial para loitar contra a despoboación do rural e para dinamizar e promover accións económicas revitalizadoras”, remata Luis Piña.
As persoas interesadas poden atopar máis información nesta ligazón.