O alcalde da Cañíza, Luis Piña, deu conta dos traballos de mellora que se están a desenvolver en tres viais municipais da parroquia do Couto, un deles xa iniciado como é o do camiño de Santa Baia e outros dous –Coto do Muíño e Xunqueiras– que se acometerán pasadas a festividade de Reis con previsión de que estean rematadas a finais de xaneiro. Os traballos supoñen un investimento total de 106.483,27 euros e contan cunha subvención de 87.899,00 euros do AGADER.
As obras que se están a realizar están están incluídas no plan de Mellora de Camiños Municipais de acceso a parcelas agrícolas 2022-2023 da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) da Xunta de Galicia e ten por obxectivo mellorar a capa de rodaxe e o drenaxe dos viais nunha lonxitude de preto de 1.7 km de pista.

De feito traballarase sobre 1.695 metros de vial, con anchos variables que van dende os 3,50 ata os 4 metros, nuns camiños que presentaban –segundo se recolle na memoria do proxecto–, unha rega asfáltica na capa de rodaxe moi deteriorada ademáis de necesitar con urxencia a limpeza e ensanche das cunetas para garantir a seguridade viaria.
A empresa adxudicataria comezou, a finais de novembro, os traballos previos consistentes na limpeza e ampliación de cunetas para mellorar a seguranza viaria e garantir o cruzamento de vehículos así como reducir sobrelargos en zonas de curvas con baixa visibilidade ou entroncamentos. Tamén mellorouse o firme existente coa incorporación de novas capas máis axeitadas ás características do tráfico, eliminación de raíces e mellora da drenaxe do camiño e da sinalización entre os lugares de Xunqueiras, Coto do Muiño e Santa Baia, na parroquia do Couto e que dan acceso, todas elas, a parcelas agrícolas.
As obras contan con todas as autorizacións sectoriais favorables da Confederación Hidrográfica Miño Sil e da Deputación de Pontevedra.