Túnel do Confurco

Son os restos do tamén chamado Túnel de Cans que está no alto do Confurco, entre Cans e Xinzo. Inicialmente houbo varios proxectos para comunicar de forma rápida Mondariz Balneario co Porriño, no que destacamos o da empresa ‘Iberia Concesionaria’. No ano 1887 realízanse os primeiros estudos sobre o terreo para elixir o trazado do proxecto.

No ano 1903 aparece unha noticia: Ingenieros ingleses y franceses, enviados por la Sociedad americana Westighouse, estudian la construcción del ferrocarril eléctrico de Porriño a Mondariz1.

A constitución da sociedade para o proxecto do tranvía (procedente de Vigo) do Porriño a Mondariz Balneario fíxose en Ponteareas no ano 1913. Para salvar o paso polo alto, empezóuse a facer a perforación por debaixo da terra, con forma de mina abovedada con pedras. Unha boca, perfectamente visible, está no regueiro da Vide de Xinzo por detrás do actual obradoiro de pedra. A boca da parte oeste xa en Cans, por debaixo do restaurante das Laxes, actualmente está tapiada con pedras.

Mentras que o tranvía circulou entre Vigo e O Porriño, o túnel quedou inacabado. Ao parecer a obra non se rematou por varios factores como foron: Inicialmente os problemas económicos da empresa derivados da marcha, no ano 1914, dalgún socio importante provocando pérdida de confianza no resto dos socios; debido as altas desviacións entre as previsións iniciáis, as variacións técnicas e os custes reáis das obras; a coincidencia coa I Guerra Mundial que dificultaba importar materiáis; a posterior delicada situación económica xeral da época; a morte do empresario Enrique Peinador o 6 de outubro de 1917; a modernización nos servizos dos autobuses e as supostas retencións dos turistas para que non saisen de Vigo cara ao Balneario.

En 1924 unha Comisión permanente do Concello de Ponteareas solicitaba axuda aos municipios interesados no funcionamento da liña Mondariz-Vigo para reactivar as obras, ao tempo que denuncia o impago da subvención de 10.000 pesetas por quilómetro comprometida pola Deputación de Pontevedra, así como as trabas de certos caciques locais. Daquela proponse a formación dunha Mancomunidade entre varios concellos implicados que nunca conseguirá o seu propósito.

Consta que no ano 1926 a ‘Sociedad Tranvía de Mondariz a Vigo’, propietaria do tramo no val do Tea, estaba presidida polo arquitecto Antonio Palacios. En 1960 a compañía mondarizán foi absorbida pola empresa ‘Sociedad Tranvías Eléctricos de Vigo’. Para a lembranza ou recordo, ademais deste túnel inacabado, quedou a antiga “Estación do tranvía de Cotogrande ou de Peinador”.

O topónimo da obra promovida polo empresario Enrique Peinador Vela fíxose popular e o nome foi ampliado despois ao aeroporto e arredores2.


1 Faro de Vigo, do 8 de marzo de 1903.

2 Texto extraído do libro de Arístides Carrera: Areas, Arnoso, Cristiñade, Guláns, Cans e Arredores cos nomes dos lugares. Dep. Leg. Vg-99-17.