13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelSerafín Parcero, «A illa dos deuses»

    Serafín Parcero, «A illa dos deuses»

    As novelas de corte histórico que se publican en Galicia acostuman a estar ateigadas de referencias a feitos e personaxes reais, profusamente documentadas, e mesmo poderían pasar sen rubor (unhas máis ca outras) a criba de calquera historiador que se parase a valorar a súa veracidade. Pero son poucos os casos nos que o autor se entrega sen cortapisas á ficción partindo dunha realidade coñecida e dándolle a volta completamente ata configurar un relato propio. O caso que nos ocupa entra nesta segunda categoría, pois sitúase claramente entre as obras de ficción pero dende unha perspectiva histórica real, imaxinando unha realidade quizais posible, pero inexistente.

    Para entender esta cuestión convén salientar que o protagonista do relato é un dos persoeiros máis destacados da Galicia do século XX, nada menos que Castelao. A narración comeza coa lectura do seu mítico discurso “Alba de Groria”, en Bos Aires en 1948, nun intre no que escritor, debuxante e político xa era consciente da enfermidade que pouco despois remataría coa súa vida. Ata aí a realidade, pois enseguida entra en escena un suposto sicario enviado polo goberno franquista, que ten como misión acabar coa vida do político no exilio. Mais aquela encarga, aparentemente sinxela, acabará por remoer a súa propia memoria e levaranos a un pasado que se sitúa dúas décadas atrás, cando Castelao decide pasar un tempo na illa de Ons antes de tomar a decisión de abandonar definitivamente a medicina para centrarse na pintura.

    Partindo desa trama, o autor mergúllanos nunha historia chea de intriga e de sorpresas, na que a paisaxe da illa pasa a ser moito máis ca un simple elemento decorativo e na que as peculiaridades dunha sociedade tan particular debido ao seu illamento, adquiren un protagonismo especial. Mesmo chega a converter o relato, por momentos, nunha novela costumista, con fragmentos certamente duros. Construida en dous escenarios e tempos diferentes que se intercalan ao longo das páxinas, o Bos Aires de 1948 e a illa de Ons da década dos 20, e xogando con longos diálogos nos que se dá conta do desenvolvemento da trama e mesmo se insiren historias paralelas que axudan a entender a idiosincrasia da sociedade á que se refire, a novela vén sendo un exercicio de nostalxia e de memoria. Pero tamén, ao meu entender, e sei que isto é unha visión moi persoal, un canto á comunicación completa e veraz, pois a trama enléase en verdades a medio contar, ruxerruxes e superstición como elementos para construir (e, sobre todo, distorsionar) realidades, que son as que lle dan á historia toda a súa dimensión.

    Cunha linguaxe directa e concisa, malia que un tanto sobredimensionada en adxectivación, a primeira incursión na novela de Serafín Parcero amósanos a un narrador esmerado na dosificación da trama e capaz de atrapar o lector e de levalo da man ao longo das páxinas da narración. E todo para disfrutar dunha literatura que transcende a realidade crúa para debuxar unha verdade imposible, pero imaxinable.

    Serafín Parcero

    A illa dos deuses

    Xerais