14.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelPara inspirar aos Reis Magos

    Para inspirar aos Reis Magos

    Chegadas estas datas, é tradición que nesta sección dediquemoslle unhas liñas á literatura infantil e xuvenil. Por iso traemos a esta páxina tres obras doutros tantos autores e autoras que poden servir para inspirar aos Reis Magos no seu traballo. Gonzalo Navaza, Ledicia Costas e Xosé Neira Cruz, achegan propostas poéticas e narrativas para os máis pequenos da casa.

    Gonzalo Navaza, «Fábulas contadas»

    As fábulas son pequenos clásicos da tradición literaria; historias breves, case sempre en verso, maiormente protagonizadas por animais (que non deixan de simbolizar o comportamento dos seres humanos), e sempre agochan algún tipo de ensinanza, denuncia ou sentenza moral da que aprender. A súa valía exemplarizante e o seu enfoque satírico fixeron deste xénero algo imperecedoiro que, a pesar de ter as súas orixes na Grecia clásica, foi quen de pervivir a través dos séculos até os nosos días. A proba máis clara e máis actual é este libriño de Gonzalo Navaza, no que recompila algunhas das máis populares dotándoas dunha nova vida ao vertelas ao galego.

    E como fai sempre Navaza, ilustre argallante das nosas letras, xoga coa palabra de tal xeito que o verso semella fluír sen tropezos, acadando unha naturalidade na que se agochan as dificultades dun traballo coma este. As súas fábulas en nada desmerecen as dos seus predecesores (dende Esopo a La Fontaine ou Samaniego), e aínda diría que o sitúan entre os grandes fabuladores da literatura. A única gralla que lle vexo é a súa brevidade, pois unha vez repasadas as dez historias que o integran, o lector queda con fame de máis.

    Como complemento, unha breve e contundente introdución a cargo de Antonio Reigosa, un dos meirandes coñecedores e divulgadores da tradición oral galega e de calquera cousa relacionada coa mitoloxía popular, e unhas fermosísimas ilustracións a cargo de Orelí Pello, unha francesa dotada da retranca galega, nas que xoga á metáfora visual cun cromatismo exultante e unha forza narrativa na propia imaxe fóra de toda dúbida.

    Gonzalo Navaza

    Fábulas contadas

    Ilustracións de Orelí Pello

    Xerais


    Ledicia Costas, «A señorita Bubble baixo cero»

    Xa fai tres anos que Ledicia Costas nos presentou a unha personaxe ben peculiar: a señorita Bubble, unha inventora de tintes retrofuturistas que encaixa niso que se deu en chamar o “steampunk”. Pois ben, o que agora nos presenta é unha nova aventura da carismática Lady Bubble, desprazada para a ocasión a Laponia, no Polo Norte, onde deberá enfrontarse a outra personaxe sobradamente coñecida: Papá Noel, a quen o estress lle provocou algún tipo de avaría que o fai mudar en “Papá Cruel” (porque “cruzou ao lado escuro”, aclara a contracapa do libro), capaz de maltratar aos elfos que traballan canda a el. Ao tempo, tamén terá que atender a un numeroso grupo de pingüíns afectados polos residuos tóxicos verquidos ao mar dende a fábrica de xoguetes, que acoden a ela en demanda de axuda.

    Con estes prantexamentos, a señorita Bubble protagoniza unha historia trepidante, cun toque reivindicativo en clave feminina, na que se enfronta á responsabilidade de salvar o Nadal e, ademais, axudar aos elfos e máis aos pingüíns, fronte a un Papá Noel que se afasta descaradamente de calquera tópico bonachón ao que nos ten acostumados. A habilidade narrativa de Ledicia Costas, da que fai gala en cada nova entrega, será quen de arrastrar ao lector ao longo das súas páxinas coma se viaxase nun dos trineos empregados pola protagonista.

    Ao igual que na primeira entrega, ilustra esta nova aventura Andrés Meixide co seu estilo colorista e minucioso. Un acerto non só pola demostrada calidade do seu traballo, senón para darlle un toque de unidade ao que promete converterse nunha saga literaria para nenos.


    Ledicia Costas

    A señorita Bubble baixo cero

    Ilustracións de Andrés Meixide

    Xerais


    Xosé A. Neira Cruz: «O enigma do baúl pechado»

    Neira Cruz, un habitual dos premios literarios sobradamente recoñecido, vén de acadar un novo galardón, o Carlos Mosteiro, de literatura infantil, cunha narración de aventuras que se apoia na relación de amizade entre os seus protagonistas, un descarado multiculturalismo, e o poder da palabra como forza motriz do relato. A aventura comeza cando Max, o protagonista principal, atopa un misterioso baúl nun vertedoiro, que non tarda en pasar a mans do enigmático señor Lin, dono dun bazar ateigado de tesouros de toda clase. Pero Max está interesado en desvelar o seu contido, empurrado por unha misteriosa conexión coa súa avoa dende alén do océano que entronca a historia co realismo máxico. De maneira que terá que recurrir á colaboración dos seus amigos (e do pecuiar Consello de Debaixo da Manta) para poder acceder ao interior da tenda do señor Lin e procurar a maneira de desvelar o misterio.

    Deste xeito organízase un grupo integrado por rapaces de distintas nacionalidades que terán que colaborar para chegar a bo porto na súa aventura mergullándose na súas propias tradicións e, sobre todo, no valor da súa amizade. E terano que facer coa axuda dun versículo máxico sobre o que descansa o poder que permitirá abrir o baúl. Velaí a forza da palabra.

    Mais a forza da palabra tamén podemos atopala na propia narración. Neira Cruz fai gala dunha linguaxe directa e fluida que, por momentos, se volve lírica. Unha acción ben dosificada e a sorpresa a cada volta de páxina, arrastrarán ao lector a través da historia. E viaxará acompañado polas fermosísimas imaxes de Luz Beloso, un dos nomes máis representativos da ilustración galega que, vaia mágoa, perderon as cores no proceso de impresión. Unha lástima, a xulgar polo maxistral resultado que se adiviña nos seus trazos.

    Xosé A. Neira Cruz

    O enigma do baúl pechado

    Ilustracións de Luz Beloso

    Galaxia