11.6 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelPablo Prado / Berta Dávila, «O derradeiro libro de Emma Olsen» (Adaptación...

    Pablo Prado / Berta Dávila, «O derradeiro libro de Emma Olsen» (Adaptación da novela de Berta Dávila)

    É certo que neste blog non acostumamos a incluir referencias de banda deseñada, para iso xa hai outras páxinas, pero coido que a excepción ben paga a pena. Hoxe traemos a esta bitácora a adaptación da novela coa que Berta Dávila acadou o Premio Repsol de Narrativa Breve en 2013, “O derradeiro libro de Emma Olsen”. Aquela historia revive agora neste novo formato grazas á dedicación do ponteareán Pablo Prado, que traballou man a man coa autora para darlle forma a esta novela gráfica, no máis xenuíno sentido da expresión.

    O primeiro que chama a atención neste proxecto é o escrupuloso respecto pola novela orixinal. Non é isto ningunha obviedade nin un asunto baladí, xa que é relativamente habitual que neste tipo de adaptacións se fagan excesivas concesión ao novo formato, o que, ás veces, dá como resultado produtos moi diferentes entre si. Cando se parte dunha idea allea e se redeseña, é doado caer na trampa de querer facer algo propio, de procurar a maneira de deixar a nosa pegada mesmo ocultando rasgos que lle son propios. Aí é onde, con demasiada frecuencia, as adaptacións se converten en algo distinto e desvirtúan a narración orixinal. Non digo con isto que sexan nin mellores nin peores, só que son diferentes ou, se preferides velo así, que semellan ser obras diferentes.

    Mais non é o caso que nos ocupa. Diríase que a colaboración entre a autora e máis o ilustrador facilitase ese punto de confluencia entre ambas linguaxes, a narrativa e a visual. Por iso resulta, ao meu entender, moi meritorio, que partindo dese respecto do que estamos a falar, se chegue a acadar un producto xenuinamente novo. Porque ese é o resultado final: unha revisión da novela de Berta Dávila na que se recoñecen perfectamente o argumento, as vivencias e as personaxes, pero que se descobre para nós cunha nova faciana que vén alicerzada nos debuxos creados por Pablo Prado e a súa particular maneira de narrar. Noutras palabras: que non desvirtúa a idea orixinal, a pesar de plasmala no novo formato dende a perspectiva particular do ilustrador.

    Respecto desa parte do traballo tamén cabe destacar a amplitude de recursos puramente gráficos empregados en cada unha das páxinas do libro: viñetas de distintas formas e en diferentes disposicións, formatos específicos para os flash-backs, a ubicación dos diálogos e dos textos narrativos en espazos moi variados, o uso de diferentes tipografías en función de cada intre, o emprego de cores moi vivas ao longo da práctica totalidade da narración… Mesmo a atención ao detalle –véxase a chea de microviñetas parciais–, falannos dun traballo realizado con mimo e con delicadeza, algo que se transmite durante a lectura.

    Non é a primeira vez que unha novela galega entra no eido da banda deseñada e, probablemente, non sexa a última, pero ao meu entender “O derradeiro libro de Emma Olsen” resulta un exemplo eficaz de cales son as directrices que debe seguir un traballo deste tipo. Pode haber outras enfoques, por suposto, pero aquí queda demostrado que o respecto polo orixinal pode chegar a ser tan efectivo coma calquera outro.

    Pablo Prado / Berta Dávila

    O derradeiro libro de Emma Olsen

    (Adaptación da novela de Berta Dávila)

    Galaxia