Manuel Portas, «Por puntos»

«Por puntos», o novo traballo narrativo de Manuel Portas, achégase ao costumismo no sentido de reflectir a realidade cotiá sen unha aparente interpretación ou análise da mesma. E digo aparente porque, en verdade, detrás das súas palabras si podemos atopar posicións subxectivas do autor, pese a que tales prantexamentos non son exhibidos con rotundidade para non distraer a atención do lector.

E como pano de fondo da historia, asistimos a un percorrido pola soidade dos protagonistas do relato, así como polos sentimentos e temores que lles supón abandonar a comodidade desa soidade para actuar de maneira grupal e estrablecer relacións entre eles.

Tal é o eixo central, ao meu modo de ver, que domina a narración. O que Portas nos conta é a historia dun grupo de personaxes de distinta caste, pero todos eles identificables con esa realidade da que falabamos antes, que se ven na necesidade de compartir espazo ao longo dun curso para a recuperación dos puntos do carné de conducir. Nun lugar afastado, un polígono industrial no que se atopa a academia, e durante unhas poucas xornadas, asistimos a vidas aparentemente anódinas pero que agochan soños, inquedanzas, medos e, sobre todo, insisto, moita soidade. Este é o principal nexo de unión entre todos eles que, en certa maneira, aparecen como vítimas dunha sociedade cada vez máis individualista e egocéntrica.

Ao longo do curso, xurdirán entre eles lazos de amizade, mesmo sentimentais, e incluso conflictos que os enfrenten. Novas situacións que, no fondo, axudaranlles a alixeirar esa pesada carga que supón a sensación de soidade, convertindo así o que era unha especie de castigo polo seu comportamento ao volante, nunha porta aberta ao mundo que os rodea e do que semellan estar afastados. Sobre a evolución deses lazos nou vou dar pistas para non desvelar máis do debido, pero cómpre salientar que o autor sabe aproveitar moi ben a oportunidade que lle brindan esas novas situacións para levarnos a percorrer ese camiño, sempre abeirado pola soidade dos protagonistas e o seu desexo de alonxarse dela.

Escrita nunha linguaxe sinxela e sen adobíos superfluos, Portas é quen de manter o interese dunha historia que non ten excesivos elementos de enganche para o lector. Non hai grandes sucesos, nin sorpresas que nos confundan, nin xiros de guión, nin estouridos artificiosos... Esa habilidade ben pode definir a calidade dun escritor, que pon a súa pluma e a súa calidade narrativa ao servizo dunha historia cotiá, na que non pasan grandes cousas, e sabe saír airoso. As 250 páxinas desta novela lense sen gran esforzo, coma se o autor nos arrolase co seu verbo fluído e nos levase a acompañar, ás veces con degoxo, ás veces con reparo, a soidade dos protagonistas. E iso xa é dicir moito...

por puntosManuel Portas
Por puntos

 

Editorial: Galaxia
256 páxinas