11.7 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelIgnacio Vidal Portabales, «Lara e Sabela»

    Ignacio Vidal Portabales, «Lara e Sabela»

    Regreso á narrativa de Ignacio Vidal Portabales cun relato peculiar, que chega a nós baixo o paraugas do premio Manuel Lueiro Rey de novela curta. E digo que é peculiar pola maneira que o autor ten de conxugar unha historia que ben podería pasar por realista, con abundantes doses de delirio e unha profunda reflexión sobre os sentimentos individuais. O resultado final é divertido e ameno, pero non lixeiro.

    Para poñernos en situación, diremos que a novela está relatada en primeira persoa por unha das súas protagonistas, Sabela, propietaria dunha galería de arte. Sabela está profundamente namorada de Lara, unhas das artistas que expoñen na súa galería e que ignora por completo os sentimentos da relatora. O pasamento do marido de Lara e unha inquietante encarga que lle chega en forma de sorprendente misiva póstuma, poñen en marcha unha trama que se centra no achegamento das dúas mulleres e na nova relación que se establece entre ambas. A viúva, aínda confusa pola carta; a galerista, á espreita do momento no que facer valer as súas ensoñacións.

    O autor escolle a relación lésbica como leit motiv da novela pero, no fondo, é outra historia de amor que ben podería estar protagonizada por calquera outro tipo de parella. Quero dicir con isto que non se sitúa o foco nese tipo de relación, senón nos sentimentos que a provocan. Sabela, aparentemente arroutada e decidida, troca a súa personalidade diante da delicadeza e a donosura de Lara sentíndose irremediablemente inducida a non facer nada que poida poñer en perigo o éxito da súa encomenda, chegando desta menrias a vivir situacións realmente enfermizas que afondan nese delirio do que falabamos máis arriba.

    Na trama aparecen tamén un avogado sobre o que descansa a encarga do marido morto de Lara, e un grupo de monxas dunha congregación, veciñas da narradora. Se a primeira destas personaxes resulta ser unha parodia un tanto grotesca dun profesional da avogacía, o grupo de monxas, incluída a superiora, rozan o desvarío dando lugar a momentos certamente divertidos que desbaratan a progresión da historia antes de recompoñela de novo. Transitamos así por un camiño irregular que nos conduce entre o sentimentalismo e a gargallada e nos anima a adentrarnos cada vez máis entre as súas páxinas.

    Sorprende, iso si, a superficialidade coa que está debuxada a personaxe de Lara, xa que, no fondo, é sobre quen descansa boa parte do peso do relato. Sabela limítase a adorala con vehemencia e a exacerbar o seu aspecto físico e algún que outro rasgo da súa personalidade, pero mantense sempre nunha distancia prudente sen ofrecer máis pistas ao lector, coma se o autor quixese que cada quen a debuxase ao seu xeito. Máis claro queda o bosquexo de Sabela da que, como relatora, coñeceremos en profundidade todos os seus pensamentos e motivacións.

    Ignacio Vidal Portabales

    Lara e Sabela

    Xerais