13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelEmma Pedreira, «As fauces feroces»

    Emma Pedreira, «As fauces feroces»

    Emma Pedreira volve a sorprender cun traballo arriscado. «As fauces feroces» trata de ser unha novela, pero afástase dos estereotipos clásicos da estrutura novelesca na procura de novos camiños, dende unha liña intimista e introspectiva debuxada por catro mulleres protagonistas e algunhas outras que transitan ao seu arredor. Son elas as que levan todo o peso desta reflexión sobre a maternidade e a sexualidade que, no fondo, é unha reflexión sobre distintas formas do amor. Nun prólogo asinado pola tamén escritora Eli Ríos, xa anuncia que hai moito máis que o que se ve a simple vista, e apunta ao papel histórico da muller na sociedade como elemento aglutinador do conxunto, enseguida entenderemos por que.  

    Antes de nada permitídeme explicar que estamos diante dun traballo moi fragmentario no que cada capítulo é a peza dun crebacabezas que nos dará a imaxe global. As primeiras pezas e, en realidade, a maior parte do peso da historia, recae sobre unha nai, Elsa, e a súa filla, Ela. A primeira sentiuse desprazada dende o nacemento da segunda ata o punto de fuxir do entorno que a agoniaba e procurar novos afectos. A filla reflexiona sobre as razóns da ausencia da nai e a repercusión que iso tivo no seu desenvolvemento afectivo e emocional. E unha e outra fano a través dunha especie de monólogos interiores nos que a memoria ten un protagonismo especial e que pretenden ser cartas pero que, no fondo, son esas reflexións intimistas das que falamos máis arriba.  

    Este discurso enlaza con outra relación epistolar, esta vez máis tradicional, entre dúas monxas: Benedetta Carlini e Bartolomea, personaxes históricos que viviron a Contrarreforma relixiosa dos séculos XVI e XVII. Neste caso, a primeira é sometida a confinamento na súa cela logo de relatar varios episodios místicos; a segunda, encargada de destapar a presunta falsidade das súas visións, acaba por se converter na súa amante.  

    Estas catro mulleres, e tamén unha Ava, amante ocasional de Elsa, ofrécennos as súas reflexións máis íntimas para darlle forma á historia que Emma Pedreira nos presenta nesta peculiar mestura de realidade e ficción coa que afonda, como dixemos, en distintas facetas do amor: o que deriva da xenética e o que deriva do instinto. Considero salientable e moi reveladora pola profundidade psicolóxica que desprende, a parte relativa á maternidade e a esa visión íntima dos sentimentos que pode chegar a xerar, algo que aos homes nos semella vedado e ao que podemos aproximarnos a través deste relato.  

    Á marxe das mulleres descritas, son escasos os personaxes masculinos e acostuman a saír bastante mal parados. Un pai evasivo e marxinal, un grupo de escritores con ansias de sentar cátedra coa palabra, un presunto anxo concupiscente e con ínfulas de voyeur, e unha xerarquía eclesiástica decidida a someter as voces discrepantes, conforman o grupo dominante que exerce de contrapunto dos roles femininos debuxando un panorama realista e pouco aleccionador sobre o papel da muller. Velaí o rol feminino ao que apuntaba Eli Ríos no prólogo. Coido que esas poderían ser as “fauces feroces” ás que alude Emma Pedreira no título.  

    O bo que ten a autora é que domina a palabra coa destreza dun croupier presentando unha prosa coidada na que cada palabra está xusto no seu sitio e na que, de cando en vez, deixa caer faíscas de lirismo que aínda engalanan máis o texto. Esa perfección na escrita xunto á escritura fragmentaria á que aludimos máis arriba, fan da lectura deste breve relato unha experiencia amena e gratificante, amais de enriquecedora.

    Emma Pedreira

    As fauces feroces

    Baía Edicións