14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelDiego Giráldez, «Hotel para coleccionistas discretos»

    Diego Giráldez, «Hotel para coleccionistas discretos»

    Diego Giráldez xa nos sorprendeu fai un par de anos co seu libro de relatos «Galería de saldos», descubríndonos un autor con personalidade propia e cun xeito moi peculiar de narrar. Agora pasa do relato curto á novela para presentarnos este «Hotel para coleccionistas discretos», unha historia delirante, por veces grotesca, pero moi divertida, na que se infiltra entre as máis altas esferas do poder para amosarnos a un grupo de auténticos psicópatas que xogan con todos nós ao seu antollo. Unha especie de Club Bildelberg, por poñer o exemplo más coñecido, que xira arredor do coleccionismo de trapalladas como coartada dos seus enredos.

    A trama nace logo da morte de Amalia Valverde, unha empresaria de éxito que formou parte do núcleo duro dun grupo de coleccionistas, no que se centra o relato. Amalia encárgalle á súa filla, relacións públicas dun hotel, e a un amigo que tamén formou parte do devandito grupo, a misión de xuntar aos seus membros nunha especie de congreso que se verá revestido de homenaxe á falecida. Nesa xuntanza, os coleccionistas amosarán o peor das súas facianas e participarán nun xogo no que a súa falla de empatía e o seu carácter psicopático quedarán en evidencia e no que ningún deles será capaz de medir as consecuencias dos seus actos.

    O relato está impregnado dun punto de irrealidade, sen apenas referencias espaciais alén dunha imaxinada Patria non identificada e da súa cidade principal, Capital Sur. Ambos espazos son adobiados con elementos singulares que, partindo da realidade máis palpable, desdebúxana ata rematar por convertila en algo diferente e por transformar o relato nunha especie de fábula sobre o noso tempo. E todo iso fai da novela un texto transgresor e con momentos delirantes, traballado cunha fina retranca que transforma a lectura en algo áxil e ameno. Porque amparándose no escudo do humor, Diego Giráldez reflicte a realidade como o farían os espellos da rúa do Gato, que diría Valle-inclán, referente lóxico da narración.

    Estructuralmente dividida en tres partes, as dúas primeiras son relatadas por distintos narradores, todos eles personaxes desta historia semicoral. O emprego deste recurso apórtalle dinamismo e axilidade á trama, amais de facérnola vivir dende dentro, pensando o que eles pensan e vivindo o que eles viven. Na terceira parte toma a palabra o narrador omnisciente para arrastrarnos cara a un desenlace frenético do que prefiro non dar máis pistas.

    Pero o máis destacable desta novela vén sendo, outra volta, ese xeito peculiar que Giráldez ten de narrar, ese emprego de recursos estilísticos e figuras retóricas tan seu que semella que cada frase é toda unha declaración de intencións. As imaxes que é quen de crear son desgarros no noso entendemento, ideas que nos perturban, que nos divirten, que nos entenrecen ou que nos asombran, pero que nunca nos deixarán indiferentes.

    Diego Giráldez
    Hotel para coleccionistas discretos

     

    Editorial: Galaxia
    116 páxinas