Don Pelayo, puido ser orixinario de Tui?

Existen personaxes históricas da nosa historia os cales todos coñecemos, pero as veces a falta de información e hipóteses sobre a vida destes non tan coñecida, fainos pensar que tal vez seu orixe ou vida sexa diferente a como pensamos. Don Pelayo ou como se di en galego, don Paio, é un personaxe cheo de mito e lenda, o grande vencedor da batalla de Covadonga no ano 718 (ou 722) ante o invasor árabe, pero historicamente coincide este mito coa realidade? A día de hoxe está considerado un patrón dos nosos primos e irmáns asturianos, pero era Pelayo realmente asturián de orixe?

Fora de teorías con pouco fundamento cando menos nas crónicas e escritos medievais, si aparece nunha crónica coñecida co orixe de Don Pelayo, tratase da crónica Albeldense, escrita no ano 883 (165 anos despois da batalla de Covadonga) no mosteiro de San Millán de la Cogolla, o que nos fala duns sucesos importantes ocorridos na cidade de Tui a finais do século VII, que terán moita relevancia no posible orixe do noso protagonista.

Segundo o escrito, antes da invasión do reino visigodo polos árabes comezada no ano 711, reinaba no Reino Visigodo en Toledo o rei Égica, sendo seu herdeiro, seu fillo Witiza. Este antes de herdar a coroa, foi enviado a Gallaecia por seu pai a gobernar o antigo reino dos Suevos, establecendo seu centro de poder ou corte dependente de Toledo na cidade de Tui, recordade que en outro artigo falamos de aquela Tui rexia, onde o palacio deste príncipe puido estar no lugar de Pazos de Reis.

Alí aparece ou foi enviado un conde ou dux (duque) chamado Favila ou Fafila, do cal tampouco se sabe moi ben seu orixe, uns nos din que era de descendencia da máis alta liña nobre goda, pero é unha hipótese entre outras. O que si semella máis lóxico é que Favila fose o gobernador ou duque daquela zona ou mesmo da antiga Gallaecia antes de chegar Witiza. Este Favila, segundo di a crónica, era o pai de Don Pelayo, que por aquelas sería como muito un mozo. Por sucesos curiosos na historia, unha discusión entre o Witiza e Favila por un problema de mulleres (contan que pola propia muller de Favila) o príncipe godo mata a Favila dun bastonazo na cabeza. Por motivos que explicaremos agora, é posible que Pelayo por mor de represalias tivese que exiliarse de Tui nese momento.

Pasan os anos e morre o rei Égica, polo que sube o trono o Witiza, o cal marcha para a capital goda de Toledo. Alí nos volta dicir a crónica, que Pelayo fillo de Favila, foi desterrado da capital polo rei. E dicir, as rencillas seguían abertas e posiblemente marchase para a terra que cando menos o viu criar, a Gallaecia. Estes son os únicos datos escritos da época que nos falan do orixe de Pelayo, o cal cando menos, parte de súa infancia e mocidade, os pasou en Tui.

No ano 711 comeza a conquista musulmán da Península Ibérica, e reaparece aquel Pelayo que todos coñecemos dende os libros de historia da ensinanza, pero mesmo aquí aparecen máis datos de seu posible orixe tudense e ser fillo de Favila. Cando nos fala a propia crónica Albelense da batalla de Covadonga, moi esaxerada e con mitos relixiosos, a cal se pode resumir con “180.000 musulmáns atacan a 300 cristiáns encabezados por Don Pelayo, o cal grazas a aparición da virxe as frechas musulmáns vólvenlle de volta e gañan a batalla”, Pelayo aparece como un heroe que coñecía ben aquelas terras do norte, e comezaba así o que chaman Reconquista.

Pero se imos a crónica musulmán, pois aquí tamén temos datos do outro bando, nos fala dunha rebelión en Galicia encabezada por un asno salvaxe chamado Belay (Pelayo), o cal se apoderou de seu país, mandando os árabes un continxente que os guerrea, ate o punto que os rebeldes e seu líder, Pelayo, con só 30 homes e 10 mulleres moribundos, se agochan naquelas terras de difícil acceso (non mencionan Covadonga), facendo que as tropas musulmáns os despreciaran e os deixaran a súa sorte cunha famosa frase, que mal nos poden facer 30 asnos salvaxes.

Noutra crónica árabe anónima do século IX, tamén nos fala,“sublevouse na súa terra da Gallaecia, un bárbaro chamado Belay fillo de Favila, contra os árabes donos de seu país. Unha vez máis se nomea a Pelayo como galego e fillo de Favila, inda que aquela Gallaecia territorial non ten que ver coa nosa actual, pois a propia Asturias estaba dentro dela.

Outro dato interesante para rematar, é que existía unha tradición xermana e moi arraigada nos godos de por o nome do avó paterno o fillo primoxénito, a Pelayo herdoulle o reino por así chamalo, seu fillo, chamado Favila, como seu avó que so gobernou dous anos pois nunha cacería o matou un oso.

Resumindo para rematar, semella bastante claro que o pai de Pelayo ou Paio fora o conde Favila, do cal descoñecemos realmente seu orixe, pero si sabemos súa relación coa cidade de Tui e a antiga Gallaecia, e son os datos escritos máis antigos que temos sobre o posible orixe desta evidente figura histórica, Don Pelayo.