10.8 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsA porta das TrabancasPeregrinos xacobeos na cidade de Tui

    Peregrinos xacobeos na cidade de Tui

    A inmediata celebración no ano 2021 dun novo ano xubilar compostelán e a súa secuela dun novo Xacobeo así como o crecente número de peregrinos que, dia a día, percorren o Camiño Portugués a Santiago de Compostela, nos concede unha idónea oportunidade para, ao longo de varias entregas, dedicar os artigo desta sección de “Porta das Trabancas” a recoller as testemuñas que, ao longo dos séculos, teñen deixado diversos peregrinos que realizaron esta ruta xacobea que une, dende o século IX, as terras do occidente peninsular.

    Cabe afirmar como a devoción ao apóstolo prendeu dende primeira hora nas terras ao sur do Miño, e a medida que foise configurando o reino de Portugal foi medrando esta presenza xacobea. Lembremos como foi Santiago o Maior quen encabezando as tropas lusitanas logrou a reconquista de Coimbra, un dos grande fitos da expansión da monarquía portuguesa cara ao sur a costa dos musulmáns. Durante séculos o apóstolo Santiago foi o patrón de Portugal ata que, pola influencia inglesa, este patrocinio pasou a San Xurxo.

    Xa que logo, non é estraño comprobar a presenza de numerosos romeiros lusitanos dende os primeiros tempos da peregrinación xacobea. Pero as rutas xacobeas eran tamén transitadas por peregrinos de múltiples nacionalidades que tendo chegado por vía marítima a Portugal, especialmente a Lisboa, aproveitaban a súa estadía para achegarse á Catedral de Santiago e implorar a protección do apóstolo.

    A inmensa maioría dos peregrinos non deixaron pegada algunha agás unha tradición secular que se expresa na nosa cultura popular, no noso patrimonio cultural, etc. Son peregrinos que fican no anonimato, rescatados do esquecemento unicamente por sucesos ou por acontecementos que se recollen nas fontes documentais que chegan ata nós.

    Os peregrinos que acudían ao Camiño cara ao sartego apostólico expresan, especialmente na Idade Media, unha concepción da vida e do mundo baseada na condición de homo viator. O home está chamado a camiñar, a súa vida é unha peregrinación á patria celestial, as peregrinacións nos lembran esta condición do home, do fiel.

    A presenza dos peregrinos é unha constante na vida tudense que podemos documentar coa existencia de ata tres hospitais na época medieval. Aínda que estes hospitais tiñan como principal misión o socorro aos pobres e doentes sen recursos, tamén acollían aos peregrinos, pois esta ambas eran obras de misericordia.

    O primeiro hospital tudense foi creado posiblemente na segunda metade do século XII sendo reedificado no século XVI polo bispo Diego de Torquemada, que deixou nos seus muros as súas armas heráldicas, aínda conservadas hoxe conservadas. En 1756 o bispo Juan Manuel Rodríguez Castañón reedifica completamente o edificio, adquirindo un edificio contiguo, e poñéndoo baixo a advocación de Nosa Señora do Pilar. Na actualidade este edificio acolle o Museo Diocesano.

    A primeira noticia certa de súa existencia data de 1380 no testamento do cóengo Xoán Gonçalves que deixa para o hospital da cidade un colchón, dúas almofadas, unha manta e dúas sabas para dar servicio a unha das camas. Este hospital da cidade era sostido polas achegas do Concello e algunhas doazóns, propiedades e rendas, pero sempre presentou grande dificultades pola carencia de recursos para o seu sustento, ata o punto que en 1441 o Concello acorda doarlle á renda do peso da praza ou mercado da cidade para que podesse sosteer et proveer os romeus et peligryns que a el de diversas partes do mundo cada dia vynam o dito ospital.

    No século XVI a xestión deste hospital foi asumida pola sede tudense. Así o bispo Diego de Torquemada reedifica o vello hospital medieval en 1569 dotándoo de novas constitucións que establecen as condicións de funcionamento deste centro asistencial: Rescibir sena en el los pobres extrangeros que pasaren y estando sanos no podrán más de un día y una noche, y si estuviere enfermo podrá estar el tiempo que le durare la enfermedad, y si hubiere algún pobre enfermo de la ciudad o sus aldeas curar sea en el dicho hospital a costa del, con que no esté enfermo de mal contagioso. Item, a los pobres que de posada pasaren o dormieren en dicho hospital no se les dará más de la posada y la lumbre, y a los enfermos se les dará todo lo necesario para lo qual se dé salario al médico el qual esté obligado a visitarlos y curar los enfermos del Hospital

    Comprobamos como estes hospitais, de época medieval e moderna, tiñan sempre esta dupla finalidade de atención aos pobres da contorna e de acollida aos viaxeiros e peregrinos sen recursos.

    En 1756 será reedificado por completo polo bispo Juan Manuel Rodríguez Castañón, ampliando a súa superficie con diversos edificios anexos. Este hospital estivo en funcionamento ata 1923 en que foi inaugurado un novo centro asistencias (no que hoxe é o Edificio “Francisco Sánchez”, antiga Área Panorámica). O vello hospital que acolleu logo ás Monxas Franciscanas (ás “Blanquitas” para os tudenses) é na actualidade a sede do Museo Diocesano.

    Tamén dependía, en época medieval, do Concello tudense outro Hospital, o de San Xiao dos Gafos, no arrabaldo do Rollo, e que atendía aos enfermos máis temidos daquela época: os leprosos, chamados tamén “os gafos”. Non coñecemos o momento da súa fundación posiblemente no século XIII, pois en 1246 no testamento do arcediando Fernán Eans figura unha manda para os leprosis tudensis.

    Recolle Mª Carmen Sánchez Carrera un documento de interese: item mando a os lazerados da casa de Santiago de Tuy un almadraque e hun cabesal e duas mantas de burel das que andan enna casa se alguns lacerados ende vinieren a morar. Esta referencia xacobea podería indicar que este hospital dos gafos ou lázaros fora creado por unha confraría baixo a advocación do apóstolo Santiago, pero a administración deste centro correspondía ao Concello que nomeaba procuradores para a súa xestión, ás veces compartidos co hospital da cidade.

    A partires do século XV, ao descender o impacto deste andazo, veu reducida a súa actividade. Estaba situado na saída da cidade, extramuros da fortaleza medieval non lonxe do camiño real que conducía cara O Porriño, polo que tamén transitaban os peregrinos. Desaparecerá definitivamente no século XVII afectado polas obras da fortificación da cidade con motivo das guerras con Portugal e no seu solar foi edificado no século XIX, en torno a 1833, o cemiterio da cidade.

    O historiador tudense Suso Vila documenta como no testamento do arcediano da catedral tudense, Fernán Eans, consta a fundación, nos arredores da cidade, dun hospital en Santa María de Bongoi, que co tempo foi transformado nunha explotación agrícola. A capela deste hospital posiblemente está na orixe da actual capela da Virxe do Camiño, onde se conserva unha fermosa talla de Nosa Señora co Neno, a quen alimenta co leite do seu peito, do século XIII.

    Este hospital, fundado pola piedade do dito Fernán Eáns, contaba con doce camas, con mantas, almofadas, sabas e colchas ao coidado dun capelán, estaba destinado á atención de pobres e peregrinos: pauperes et peregrini qui verint in romarias. O número de prazas deste hospital é moi elevado se o comparamos con outros establecementos similares, tanto de época medieval como moderna (por exemplo superaba amplamente aos hospitais de Vigo, Baiona ou A Garda do século XVIII).

    Tamén Suvo Vila documenta outro establecemento, neste caso un albergue do século XIV, o denominado Dom Balugas, do que descoñecemos a súa ubicación. Figura unha referencia ao mesmo no testamento de Teresa Peres de 1334: It mando a Dominga Amanca que mora ena albergaria de dom Balugas un leito, colcha e o recheo de plumas, que tras a súa morte quedará para este albergue. Na documentación tudense aparecen tamén varias mencións a estalage, que sería un sinónimo de hospedería que aloxaría a viaxeiros con recursos económicos. Había un no cantón entre a rúa da Pedreira e o cemiterio medieval da Catedral documentado cara 1460 e figuran outras mencións en documentación dese século XV.

    En definitiva, a cidade tudense contaba con varios hospitais que acollían aos peregrinos, maioritariamente de escasos recursos, e que realizaban a súa peregrinación gracias á hospitalidade nestes establecementos e, en moitos casos, ás esmolas que recibían da xenerosidade da xente. Peregrinos que compartían estes lugares cos pobres, principal continxente que era atendido nestes hospitais. Peregrinos anónimos dos que nos ocuparemos na seguinte entrega desta serie.