13 C
Pontevedra
Martes, 19 de Marzo de 2024
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelXesús Constenla, «O peso do cerebro»

    Xesús Constenla, «O peso do cerebro»

    Xesús Constenla xa nos ten acostumados a unha narrativa arriscada e alonxada de tópicos, o que non deixa de ser un aliciente para calquera lector. Agora, con «O peso do cerebro», mantense firme nesta liña de traballo para adentrarse no confuso mundo de don Honorio, un vello afectado de demencia senil que un día, aproveitando un despiste da súa neta, Paula, sae da casa e vaga sen rumbo pola cidade de Barco (doadamente identificable co Ferrol natal do autor), un espazo que, coma o protagonista, coñeceu mellores tempos. A pesar da dureza da historia e coma se fose unha reacción ao tempo pandémico que nos tocou vivir, o escritor apela ao humor coma recurso narrativo de primeira orde para facer máis levadeira a trama, chegando incluso a prantexamentos que rozan o surrealismo o que, ao meu entender, é un dos acertos da novela. Mais non o principal.

    Na súa viaxe pola cidade, naerrada coma un longo monólogo interior, as lembranzas apodéranse do protagonista ata chegar a dirixir o seu camiñar. Don Honorio teima en acudir ao peirao para coller a lancha que o levará á outra beira da ría, onde unha loura agarda por el para iren xuntos á verbena. Esta imaxe dun pasado lonxano é a que marca a andaina do vello que, polo camiño, irá sumando unha serie de personaxes ben peculiares cos que se crea unha especie de confraría que acompaña a don Honorio, mentres, en paralelo, a súa neta e mailo mozo desta, Marcos, despregan o seu nerviosismo na procura do avó perdido.

    A devandita confraría, integrada por un neno repelente que pasea unha robaliza coma se fose a súa mascota, a estatua de bronce dun vello marqués, un falso nazareno cun aquel de pervertido, ou dous rondallistas desafinados, entre outras personaxes igualmente estrafalarias, percorre a decadente cidade coma unha Estantiga vida a menos coa intención de dirixir os pasos de don Honorio cara ao peirao, o que engade unha dose extra de adrenalina a un desenlace que non resulta especialmente sorprendente. Máis o valor da novela non está no peche, senón no desenvolvemento da trama. Aí é onde Xesús Constela desprega unha morea de recursos cos que enganchar ao lector, a pesar do desconcerto inicial. E abofé que é quen de conseguilo.

    Para iso conta coa inestimable colaboración de dúas personaxes máis que, para min, agora si, son o gran descubrimento desta historia: dúas mulleres que habitan unicamente nos abundantes pés de páxina, facendo comentarios sobre todo canto acontece e, ás veces, aportando información extra sobre a trama. Dúas espectadoras máis, coma o lector, ao que lle fan chiscadelas constantes cos seus chismes e dixomedíxomes. É tal a forza destas personaxes que ao autor non lle quedou máis remedio que concederlles un espazo propio alén do pé de páxina, en forma de capítulo extra dialogado case ao final do relato. Son elas as que aportan moita da retranca que ten a novela e as que enfían as distintas escenas até conformar unha especie de espiña dorsal sobre a que se asenta a trama.

    Xesús Constela

    O peso do cerebro

    Xerais