20.5 C
Pontevedra
Luns, 2 de Agosto de 2021
Máis
    HomeColaboraciónsO Meu AndelSuso Bahamonde, «Instrucións para matar un oso»

    Suso Bahamonde, «Instrucións para matar un oso»

    Suso Bahamonde é coñecido e recoñecido polos seus versos dende que iniciara a súa andania no mítico Batallón Literario da Costa da Morte, aló polo cambio de milenio, pero agora quixo darlle unha volta á súa traxectoria presentando unha colección de relatos, a súa primeira achega pública á narrativa. Unha colección de nove contos de diferente extensión e temática, pero que manteñen algúns nexos de unión entre si.

    O primeiro e máis evidente reside nas personaxes que poboan estes relatos, homes e mulleres desconcertados co espazo e o tempo que lles tocou vivir, abocados a unha especie de malditismo que empapa a súa existencia, e que se senten atrapados en vidas ocas ou que non souberon encher como desexarían. Deste xeito vense inmersos nun entorno que lles resulta hostil e sobre o que non semellan ter ningún poder de decisión, a pesar de que, nalgúns casos, intenten buscar esa válvula de escape que necesitan para tratar de darlle un rumbo definitivo ás súas vidas. A desesperanza e a incertidume cabalgan libremente polas páxinas desta colección de relatos con resultados en ocasións desconcertantes, outras tremendistas, outras retranqueiros, pero agochando sempre un pouso de grandeza en certas decisións tomadas polos protagonistas.

    Estas personaxes pertencen, como digo, a un espazo e a un tempo, pero nin un nin o outro son elementos definitorios nas súas historias. As referencias temporais son escasas e case sempre imprecisas e as espaciais non levan a tirar conclusións claras. É coma se o autor quixese manter esas coordenadas á marxe para subliñar a sensación de anonimato, mesmo de clandestinidade, dos seus protagonistas. Porque, no fondo, non nos está a falar de historias concretas de personaxes concretas, senón que éstas veñen a representarnos a todos. Do que nos está a falar, xa que logo, é dunha sociedade sen rumbo claro, desnortada e arrinconada que, perante a presenza dun abismo ao que pode caer se non lle pon remedio, decide seguir contemplando a inmensidade do vacío en lugar de tomar decisións que a saquen de aí.

    De entre os nove relatos sobresaen –e sei que nisto me estou a deixar arrastrar por criterios subxectivos— os tres máis extensos, entre os que se atopa o que lle presta título ao volume. Os máis curtos son auténticos lostregazos de sensacións a través dunha foto fixa, unha instantánea máis ou menos dilatada no tempo. Pero é nos textos máis longos onde o autor se permite o luxo de desenvolver con máis soltura as historias e as personalidades dos seus protagonistas, sacrificando a inmediatez por unha contextualización máis ampla, o que lles dá, ao meu entender, un valor engadido.

    Respecto da escrita, Suso Bahamonde mantén esa precisión tan común nos poetas que se inician na narración: a palabra xusta no lugar exacto, algo que resulta máis difícil de atopar entre os autores puramente narrativos. E sorprende, a maiores, a fluidez da lectura nun presunto principiante nesta disciplina, o que nos fai sospeitar que quizais agoche traballos previos que non viron a luz. En calquera caso, o resultado é un libro ameno e cheo de interpretacións posibles que será do gusto de calquera lector ao que lle guste ser sorprendido.

    Suso Bahamonde

    Instrucións para matar un oso

    Belagua

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    8 POSTS0 COMMENTS
    Ángel Covelo
    6 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    3 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    43 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    34 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    1 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    2 POSTS0 COMMENTS